Non ao pin parental

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

Jesús Hellín - Europa Press

24 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Vox pide que se estableza un pin parental nos colexios, un documento que os pais asinarían para autorizar, ou non, que os seus fillos e fillas asistan a charlas educativas sobre diversidade afectivo-sexual, ou o que é o mesmo, para que os escolares coñezan a realidade LGTBI+ e así se poida previr o acoso escolar que sofren estas persoas dende que son moi cativas, aprendan a ser tolerantes con toda clase de persoas e, en definitiva, para que sexan mellores cidadáns. O argumento que esgrimen é que as familias teñen dereito a opoñerse ao adoutrinamento e a que a súa cativada reciba contidos que van contra as conviccións morais e relixiosas da familia. Curiosamente, adoitan ser as mesmas familias que non ven problema en que se estude, a poder ser obrigatoriamente, relixión católica na aula. Aí non hai adoutrinamento, seica.

Alguén debería empezar a dicir en voz alta que a famosa liberdade das familias para decidir a educación dos seus fillos e fillas non existe. Cando menos, nos estados democráticos non existe. Os contidos educativos, o que os cidadáns deben aprender, ten que fixalos a autoridade educativa. E iso non se debe discutir, e moito menos apelando a conviccións morais e relixiosas que son, como ben indica a palabra, conviccións.

Por exemplo, eu podo ter a convicción de que o home vén do barro directamente de Deus, e a muller dunha das súas costelas. Eu podo crer iso, pero a ciencia di outra cousa (de feito, nin o Vaticano xa o di como a Biblia). Ou eu podo crer que a terra é plana e non redonda. Ou podo crer nas pantasmas, os pitufos ou no Home do Saco, pero iso non quere dicir que haxa que prohibir que me falen de Darwin, se me explique que o Diuvio Universal nunca aconteceu, e que os personaxes de conto son só iso, contos.

O plantexamento dun pin parental, ademais de supor un grave atentado contra a democracia (ela esixe a integración, a tolerancia e o respecto de quen é diferente), é un ataque directo contra da convivencia entre as persoas. E é algo, ademais, medieval. Porque dende o século XVIII e a Ilustración defendemos que a educación é liberadora, que serve para mellorar a sociedade ao poñer a razón, a ciencia, a lóxica e o sentido común por enriba (e cito a Kant, non o invento eu) da relixión, a moral ou a tradición. No fondo, do que se trata é de entender que por enriba do que a un lle parezan as cousas, está a realidade. E a realidade, aínda que non lles guste a estas persoas, é bi, tri e poli. É así. Aínda que choque coas súas profundas conviccións medievais.