Alcoholímetros bloqueadores no coche


Este xornal publicou que as patrullas da Garda Civil de Tráfico realizaran o pasado ano case un millón de probas de alcol nas estradas galegas. A noticia engadía que a Garda Civil apostou pola prevención, con dispositivos masivos de control, con moitos axentes e vehículos, co fin de facer moi visible esa vixilancia. Pola súa parte, no 2018 os xulgados galegos ditaron 3.248 sentenzas condenatorias por delitos de condución baixo a influencia de bebidas alcólicas, tendencia que se mantén nos últimos anos.

Segundo os estudos do Consello Europeo de Seguridade nos Transportes, os accidentes por exceso de alcol matan 5.000 persoas por ano en Europa. Esas elevadas taxas de sinistralidade asociadas ao consumo de alcol fixeron que a UE recomendase aos Estados membros a utilización de dispositivos bloqueadores do sistema de arranque dos vehículos en programas de rehabilitación e de prevención viaria.

No programa de Orientacións da UE para a seguridade viaria (2011-2020), respecto á condución baixo os efectos do alcol establécese que as sancións deben acompañarse de medidas de prevención. Por conseguinte, a Comisión Europea analizará a conveniencia de adoptar medidas para facer obrigatoria a instalación nos vehículos de dispositivos de bloqueo do acendido, nomeadamente para os transportes profesionais e autobuses escolares.

Os alcoholímetros electrónicos con dispositivo de bloqueo da ignición (ABI) xorden no contexto da prevención viaria, e foron implantados nos EUA en 1986, no estado de California, e comezaron a ser utilizados en Europa en 1999. As solucións varían entre a utilización dos ABI como medida punitiva, preventiva e na rehabilitación de condutores infractores.

Os ABI son dispositivos de medición do consumo de alcol coa análise do aire aspirado, e están ligados ao acendido do vehículo, de tal modo que se detecta unha taxa superior á permitida o vehículo non arranca. Dispón dunha memoria interna de almacenamento de datos, que, entre outros, rexistra as posibles fraudes no uso do equipo e o número de tentativas de ignición posteriores. O dispositivo é capaz de identificar se o alcol detectado procede realmente do aire aspirado ou se é alcol residual na boca. Para establecer o contido de alcol en sangue o condutor ten que soprar o alcoholímetro antes de arrincar o motor, e despois en diversos momentos durante o desprazamento.

O dispositivo contribúe así a eliminar sistematicamente o risco de accidente, e impide a condución se non se está en condicións. A súa eficacia está contrastada, pois o risco de accidentes con lesións nos vehículos equipados con Alcolock redúcese en aproximadamente un 50 %. Ademais, estímase que os Alcolock xeran unha redución de entre o 40 e o 95 % na taxa de reincidencia das persoas condenadas por condución baixo os efectos do alcol.

Actualmente existen na UE dous modelos de aplicación do ABI, un de carácter preventivo e outro para rehabilitación. Este último aplícase en caso de imposición dunha pena, e vai dirixido a todos os condutores que deron unha taxa moi alta ou que sexan reincidentes. A frecuencia do programa de rehabilitación é, normalmente, voluntaria, mais no caso de que o condutor non cumpra perde o carné.

O segundo modelo, de carácter preventivo, é máis xeral e aplícase a todo condutor que o desexe (persoas que queiran adquirir o equipo ou grupos de condutores profesionais que deban, por lei, someterse ao programa).

Internacionalmente, o programa de rehabilitación é ben aceptado como medida de control e diminución da sinistralidade viaria. En Suecia converteuse en definitivo no 2003, e como medida preventiva en camións, taxis e transportes escolares. Outros países da UE tamén o adoptaron: Finlandia (2008), Bélxica (2010) ou Holanda (2011). En Francia, a súa utilización é obrigatoria en autobuses escolares e vehículos lixeiros, e é voluntaria nos camións. No Reino Unido, Portugal, Alemaña e Polonia o uso é facultativo nas mercadorías. Os resultados do programa apuntan a unha redución media do 90 % das reincidencias, en comparación con outros sistemas de control.

En España, o artigo 83.8 do Código Penal contempla a prohibición de conducir vehículos de motor que non dispoñan de dispositivos tecnolóxicos que condicionen o seu acendido ou funcionamento para evitar novos delitos contra a seguridade viaria. Esta disposición é inaplicable mentres tales mecanismos non estean debidamente implantados.

De avanzar na implantación deste reto europeo, anunciado para maio do 2022, os beneficios serán enormes en aforro de vidas humanas e de lesións, en controis policiais, en xuízos e en gastos no sistema sanitario. A sanción é necesaria, porén a prevención é mais eficaz: impide a infracción e evita os danos.

Por Carlos Varela García Fiscalía Superior de Galicia

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Alcoholímetros bloqueadores no coche