Cando as utopías son verdades prematuras

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

ANGEL MANSO

18 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

In memoriam Andrés Fernández-Albalat Lois.

A ese acertado aforismo que adoitabas evocar engadiríalle, querido Andrés, que aquel que avanza con paso áxil pode sufrir a resistencia do vento en contra pero, ao tempo, goza do seu frescor.

Na túa traxectoria sempre fuches por diante, reinterpretando a tradición, con Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane no Laboratorio de Formas ideando o novo Sargadelos, e no Museo do Pobo Galego participando da idea creativa de rescatar a cerna dunha sociedade que estaba a cambiar e había que narrala e investigala.

A carón do pasado, sempre o vento do porvir, con reflexións sobre o medio urbano e o territorio anticipatorias para Galicia, augurando a globalización e debuxando un futuro que podería ter sido para a rexión metropolitana A Coruña - Ferrol. Hai case vinte anos publiquei en La Voz un artigo sobre o teu discurso La Ciudad de las Rías, no que destacabas o papel das infraestruturas, as telecomunicacións e as novas tecnoloxías nas aglomeracións urbanas.

As nosas cidades medraron doutra maneira, entre shocks inmobiliarios, agora disfrazados de usos turísticos nos que participan sinuosos fondos de investimento, onde poden estar os nosos aforros, e coa anuencia de boa parte da poboación. Quedamos sen unha reflexión contextual do fenómeno urbano. As cidades, ocupadas ata agora por habitantes coñecidos, están mutando con outras persoas -benvidas sexan- que se aloxan nos edificios e pisan os espazos públicos, e que se comunican cos demais preferentemente polas redes. Os límites, como ti avanzabas, xa non son os termos municipais, son megaespazos que nos parecen anónimos.

E a carón da túa visión macroespacial, a práctica arquitectónica sempre con bo facer e rigor, como no caso de Compostela, onde colaboramos, eu desde o Concello, concertando arquitectura e plan, un binomio que tan bos froitos deu e da, hoxe reemprazado por un exceso de regulación que pretende substituír o debuxo e o pensamento. Cantas voltas lle demos para encaixar dúas operacións deportivas, o pavillón e piscinas de Vista Alegre e, en San Lázaro, o campo de fútbol no que desfrutamos dun Compos en primeira división. Anos despois pódese constatar o bo nivel dun traballo que tanto axudou a transformar os barrios respectivos. A boa arquitectura sempre produce un contaxio positivo no contorno.

Lembrando os teus valores humanos, afabilidade, bonhomía, optimismo intelixente, pregúntome con que colega vou falar agora de música.