A política podería educar


A política podería ser un medio importante de educación informal. Ten aspectos que contribúen á adquisición de competencias e valores esenciais para a xuventude. Tendo en conta que a primeira función dun político é buscar o ben común, debe posuír valores como a tolerancia, humildade e respecto, así como a responsabilidade no cumprimento do deber público. Tamén é imprescindible que sexa íntegro e que teña coherencia entre o que pensa, manifesta, promete e fai.

Para un gobernante é clave unha boa interacción verbal, co dominio das capacidades de escoitar, expoñer e dialogar. Debe habituarse a atender e recordar o esencial do que lle din, así como a potenciar a fala como elemento esencial do seu traballo. Polo tanto ten que educar a voz para declamar con correcta articulación e entoación, ao mesmo tempo que emprega tamén unha adecuada linguaxe corporal. O discurso debe ser claro e sintético, nun contexto de naturalidade e elocuencia, que transmita a sensación de que se improvisa, pero cunha rigorosa preparación previa. Pero estas calidades brillan pola súa ausencia, pois a situación política actual tense convertido nun espectáculo antipedagóxico que cada día resulta máis insoportable e non deixa de acumular antónimos deses valores que acabamos de citar, como por exemplo intolerancia, descortesía, incoherencia ou arrogancia. A sensación xeral é de agresividade e de demagoxia electoralista, nun contexto de mediocridade. Calúmniase porque, aínda que sexa falso, algo sempre queda. Faise crítica destrutiva, xa que non hai propostas.

A situación só cambiará cando os políticos sexan capaces de recoñecer os seus erros e mesmo as propostas positivas da oposición, cando practiquen unha crítica construtiva ou cando se decaten de que, aínda que haxa aptitudes innatas, é necesario formarse para desempeñar un cargo público. A política entón deixaría de xerar actitudes de rexeitamento e de presentar como principais modelos o afán de poder e o beneficio persoal. Tería un efecto beneficioso nas novas xeracións, dada a súa gran presenza na sociedade e nos medios.

Cando vai ocorrer isto? Non parece, desde logo, que sexa a curto prazo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

A política podería educar