Anita Prestes: nacer nun campo nazi

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

17 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Na miña vida de lector dedico boa parte do tempo aos libros memorialísticos. De outubro do 2019 é o último que lin: Viver é tomar partido. Memórias, publicado na editorial Boitempo de São Paulo. A autora, de 83 anos e de vida tan rica como arriscada, non só conta as súas experiencias de militante comunista, senón o tecido de sucesos e circunstancias da esquerda brasileira, nomeadamente do Partido Comunista no Brasil (dous, desde hai anos). Non escasean neste volume os documentos valiosos, pois a autora, alén de militante, é historiadora de profesión (e con estudos universitarios de Química).

Chámase a nosa incitante memorialista Anita Leocadia Prestes, cun apelido, Prestes, que aínda é mítico hoxe, no mundo enteiro, alí onde as deusas da Memoria non esquecen o nome dos seres humanos que protagonizaron xestas como a inmortalizada polo gran novelista Jorge Amado no libro O cavaleiro da Esperança: vida de Luís Carlos Prestes (1942).

Anita naceu o 27 de novembro de 1936 na prisión, en Berlín, de Berninmstrasse, onde a nai, Olga Benario, alemá, «xudía e perigosa comunista», ingresara pouco antes, grávida de sete meses. Foi a Gestapo, en conivencia coa ditadura de Getúlio Vargas, a responsable da súa extradición e do seu encadeamento. O seu home, Luiz Carlos Prestes, estaba, nesa altura, atado de pes e mans nunha prisión brasileira. Olga Benario, con escolta nazi, viaxou á Alemaña de Hitler nun cargueiro chamado La Coruña. Cando nace a súa filla, Olga, militante sempre, rexístraa co nome de Anita Leocadia, homenaxe a dúas mulleres fortes: Anita Garibaldi e Leocadia Prestes, a súa avoa, tan comprometida no Comité Prestes, coa liberación do mítico loitador brasileiro e de tantos e tantos antifascistas, nomeadamente coa súa nora Olga Benario. Aínda así, esta cidadá alemá foi gaseada no campo de concentración de Ravensbrück en abril de 1942 (nese mesmo campo estivo á beira da morte, tres anos despois, unha heroica galega: Mercedes Núñez Targa). Tamén é certo que Leocadia Prestes e os seus colaboradores organizaron unha campaña de solidariedade mundial para ripar das gadoupas nazis a Anita, que tiña catorce meses cando foi entregada á súa familia. É a propia Anita, nestas memorias, a que afirma: «Considero[me] filha da solidariedade internacional». Pouco despois, en outubro de 1938, Anita, a súa avoa Leocadia e a súa tía Lygia son acollidas en México polo presidente Lázaro Cárdenas. Nesas datas, pouco saben de Luiz Carlos, preso no Brasil, e de Olga Benario, aínda viva nun campo de concentración nazi. Foi nese tempo, en 1940, cando unha poeta cubana, Mirta Aguirre, escribiu o Romance de Anita Prestes, con versos dignos da súa mellor musa infantil. É a poeta que, dous anos antes, tras coñecer a Castelao en Cuba, escribiu conmovedores poemas nas follas en branco dun exemplar do álbum Galicia mártir.

Oitenta anos despois, Anita Leocadia Prestes evoca tanto horror e tanto sufrimento nunhas memorias que titulou Viver é tomar partido, expresión do poeta e dramaturgo alemán Hebbel. Dalgún xeito, Anita estaba condenada a tomar partido antes de nacer.