Que vai gobernar o novo Goberno?

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Fernando Villar | Efe

14 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A pregunta podería parecer superflua pero non o é. O problema non é o número de ministerios, aburridos nos teñen xa con que a esquerda gasta máis que a dereita! O problema é para que serven tantos ministerios se a maioría das competencias coas que os rotulan están transferidas hai décadas ás comunidades autónomas. Repasemos: consumo, educación, servizos sociais, agricultura, sanidade, universidades, cultura e deporte... todo forma parte das competencias das autonomías e unhas cantas áreas máis que non cito para non aburrir. Máis da metade dos ministerios do novo Goberno carecen de competencias de xestión e de capacidade para a execución de orzamentos. O máis significativo é que levan carecendo delas dende finais do século pasado. Que poden facer logo eses ministerios? Pois en realidade só dúas cousas: a lexislación básica e a adaptación -transposición- da lexislación europea ao Estado español. Que pode en realidade facer por exemplo o novo ministro de Universidades -só de Universidades-, pois unha nova lei orgánica de universidades e xestionar as bolsas e contratos universitarios, ren mais. Para facer leis, ás veces -é o caso das leis orgánicas- necesítanse maiorías cualificadas que dificilmente poderán lograrse neste Parlamento tan compactado en bloques de dereitas fronte a esquerdas máis nacionalistas. Aínda que a vía de construír outros marcos normativos facendo novas leis orgánicas podería servir para rachar bloques e aproximar a algúns partidos ao acordo. Ou non.

A segunda capacidade que lle queda a eses ministerios, a adaptación e interpretación das normativas europeas ao Estado español, foi a vía preferente que escolleron os gobernos precedentes para avanzar nunha recentralización de facto que reenchera de competencias e instrumentos de control aos organismos do Estado central baleirados de funcións pola extensión das transferencias a todas as autonomías sen excepción. Pero esta vía de recuperación de poder vai chocar non só cos nacionalistas litorais aliados do novo Goberno -e amparados pola Constitución-, senón coas lóxicas de poder autonómico establecidas neste Estado español do século XXI que non acaba de elixir entre ser federal -séndoo xa case na práctica- ou plurinacional -séndoo tamén por vontade política malia quen pese-. Por outra banda, esa opción recentralizadora que tiña como grande argumento a austeridade como política contra a crise non serve neste Goberno, que quere superar as políticas restritivas da troika interna.

De todos os xeitos, un Goberno tan numeroso e cargado de competentes políticos e técnicos vai reclamar poder. A perspectiva deste primeiro Executivo de coalición dende 1939 -de non contar os gobernos republicanos no exilio que chegan ata 1977-, será inevitablemente de competir entre os socios para facer, protagonizar e construír novas políticas. A cuestión é de onde van tirar o poder do que carecen. Recorrerán a esas concepcións tan abstractas e tan antigas pero tan manexadas de novo nestes tempos por algúns sectores, como patria ou soberanía? O problema é que sen deus e rei en España non significan moito. Resolver este enredo vai ser máis importante aínda que resolver o de Cataluña, porque ese tamén veu deste.