Que ten de malo ser comunista?


Entre os recordos máis fermosos que gardo da universidade están os minutos iniciais da primeira clase do profesor Alonso Montero. Chegou coa súa eterna bufanda vermella, observounos durante uns segundos e dixo: «Son Xesús Alonso Montero: marxista, republicano e ateo». Foi a primeira vez que oín atribuírse en público con orgullo os tres cualificativos que, na casa dos meus avós, servían para insultar. Había naquelas palabras algo que dignificaba ás persoas que foran asasinadas ou exiliadas por ser todo iso. E había unha ostentación de liberdade que axiña entendemos, aos nosos dezanove e vinte anos. Así aprendín a clarividencia do pensamento marxista, que procurei non abandonar máis.

Por iso doen os oídos e o corazón cada vez que esa dereita perigosa, que hoxe campa feliz amparada por tres forzas políticas e moita prensa irresponsábel, recupera a palabra «comunista» como insulto, coma se, en si, o comunismo fose malo e inmoral e non un modelo de organización política. Din «comunista» porque así resucitan o fantasma das palabras connotadas que habita en España. E o que é peor: din «comunista» porque cren que selo xustifica o ostracismo. E tras el veñen o exilio e a morte.

Ao meu profesor agora outórganlle o Premio da Cultura Galega, curiosamente, mentres rexorde esa vella idea de ver o demo no marxismo en que el teimou sempre. E malia iso, hai por todas partes un certo asentimento ou un silencio compracente a volver poñer no punto de mira aos grandes intelectuais marxistas deste país onde se volve ameazar e insultar por ser de esquerdas. Non se me ocorre mellor momento para lembrar que dos fascistas que aínda vivían e me deron clase nas mesmas aulas non aprendín nada.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
44 votos
Comentarios

Que ten de malo ser comunista?