Os 300

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

07 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Foron arredor de 300 os homes que desembarcaron nas costas escocesas tomaron, o castelo de Eilean Donan baixo o mando do coronel Nicolás de Castro Bolaños, natural da Terra Cha, mentres agardaban a chegada dunha misión fallida cuxo cometido era invadir Inglaterra. O tratado de Utrecht e as guerras xacobitas en territorio escocés eran os principais motivos. Giulio Alberoni, cardeal e principal asesor de Felipe V foi o ideólogo de semellante idea, que quedou desbaratada por diferentes circunstancias. O plan de Alberoni contaba co compromiso do rei Carlos XII de Suecia que atacaría Inglaterra dende o norte ao tempo que dende o sur chegarían as tropas españolas. Xa coa operación en marcha, a primeira mala nova foi a repentina morte do rei sueco e a negativa do seu sucesor en seguir nesa mesma idea. A segunda, que boa parte das distintas flotas que saíron de diferentes puntos da península naufragaron nunha devastadora tormenta facendo que os superviventes volveran renqueantes de novo para os portos de saída. Así que só dúas fragatas con eses 300 homes foron quen de chegar a costas escocesas e ocupar o mítico castelo onde deixarían unha guarnición de 40 homes para gardar as pesadas municións. Mentres, os restantes, seguiron cara Inverness con máis de mil highlanders que se uniran á expedición entre os que estaba o heroe nacional escocés Rob Roy. Ao sabelo os ingleses, enviaron tres fragatas, bombardearon o castelo reducíndoo a escombros ao tempo que detiveron a resistencia. Por outra banda o resto entraron nunha batalla desigual coas tropas británicas que contaban con maior disciplina e fogo de morteiros. Isto provocou un gran desconcerto nos highlanders que aterrados, porque nunca ese fogo viran, abandonaron a batalla deixando aos galegos sós e nun número claramente inferior. O Rexemento Galicia, que así se chamaba, foi reducido despois de resistir bravamente. Aquela histórica batalla de Glen Shiel enmarcada no segundo levantamento xacobita escocés deixou varios topónimos referidos a estes feitos, como Bealach-na-Spainnteach (paso dos españois) ou Sgurr nan Spainteach (pico dos españois). Tamén se di que o fantasma que deambula polo castelo de Eileann Donan é o espírito dun dos galegos mortos naquel asedio. Aí queda.