Chegaron os mestres do escándalo

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Mariscal | Efe

07 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«As instrucións de uso son ben coñecidas: estimular os medos difusos dos cidadáns; canalizalos cara chivos expiatorios; transmitir unha visión maniquea do mundo, producir no electorado unha sensación de pertenza a unha comunidade exclusiva». Así describe a xornalista Geraldine Schwarz os mecanismos que hoxe emprega a extrema dereita europea para conquistar parcelas importantes do electorado. E como por esa vía conseguiu, incluso en Alemaña, un bocado electoral que hai pouco parecía imposible. Todo manexado por mestres produtores de escándalos que son as personalidades que teñen máis éxito diante do electorado. Como sempre, os escándalos son a mellor vía mediática para o éxito, antes a través dos xornais, a radio e despois a televisión, e hoxe estendidos por medio das redes sociais. A sociedade en rede que nos descubriu Manuel Castells hai dúas décadas aliméntase do escándalo para canalizar as mesmas manipulacións demagóxicas que Wilhem Reich describira en 1933 na Psicoloxía de masas do fascismo.

O inédito espectáculo da sesión de investidura encaixa coma un guante nas citadas instrucións de uso. As interrupcións, as protestas, o boureo e os berros non son estraños nun parlamento. Tampouco as burlas. Non dende logo no berce inglés do parlamentarismo. Os insultos sen enxeño, o empeño de calar ao adversario político e a ansia de reprimir a súa liberdade de expresión nada teñen que ver co parlamentarismo. Negar non é debater. Querer impedir falar aos deputados non forma parte dos usos parlamentarios e apupalos co currículo parécese máis ao acoso escolar que a unha discusión política. O recorrente escándalo impostado serve para ocupar todas as portadas e todos os posts, pero non para o debate político e menos aínda para a construción de gobernos ou de alternativas. Iso foi o que se viu o domingo e veremos moito máis hoxe. Pedir sen vergoña unha fraude no uso do voto por parte dos deputados, reclamando públicamente unha reedición do vergoñento episodio do tamayazo que deu o poder a Esperanza Aguirre, é tan digno dos sainetes de Arniches como indigno do naturalismo de Galdós, o auténtico creador de Madrid. O que antes se facía en cuartos de hoteis agora reclámase diante das cámaras e nas redes sociais.

Con este panorama, en canto se forme o novo Goberno, o problema non o vai ter a coalición gobernante, a primeira dende 1939, senón o Partido Popular. E moitos no PP sábeno. Vai ser imposible que Casado, Álvarez de Toledo, Suárez Illana ou García Egea poidan competir cos xabarís. Poden ser broncos como Aznar ou desagradables como Hernando, esaxerados, epatantes, arrebatados, pero nunca poderán competir cos mestres do escándalo. Poderán acabar converténdose nunha imitación, pero sempre serán unha copia e as copias so serven para alimentar ao orixinal. Poden pedir repetidamente o 155 pero se pediran a intervención do exército como os xabarís é que estarán sendo arrastrados polos cochos bravos ao fondo do pozo da antidemocracia. A publicidade nunca minte. Hoxe ten moito éxito un magnífico anuncio de automóbiles que reza: se é como un G non é un G. Pois iso.