Política cuántica

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

05 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Co permiso do meu físico de cabeceira, o amigo Jorge Mira, fíxenme seareira da física cuántica. A través de libros de divulgación, non crean, e asumindo que nunca chegarei a entendela realmente, tranquilízame saber que, no interior da materia, hai unha maxia fascinante, mais explicábel a través da ciencia. Por exemplo, un dos principios máis abraiantes da mecánica cuántica é o de incerteza, polo cal W. Heisenberg demostrou que non podemos saber con certeza pares de magnitudes: se sabemos a velocidade dun electrón, non sabemos a súa posición; se medimos onde está, xamais saberemos como é exactamente. Se tentamos medir todo iso que en realidade existe en forma de posibilidades superpostas a partícula colapsa, ou sexa, fai algo parecido a desaparecer.

Como non son física, senón escritora, atopo o mesmo tipo de fascinación cuántica neste momento político en que coñecer con seguridade a posición do PSOE implica descoñecer cales son os seus principios, mentres que coñecer a súa velocidade de cara á investidura imposibilita saber se a súa interacción con outros partidos provocará o colapso do Parlamento, inestábel coma un neutrón libre. E, aínda así, que fermoso momento de aceleración vivimos con ese acordo con ERC que semella ter aplicado outra bonita idea cuántica: o efecto túnel, ou a capacidade das partículas subatómicas para atravesar barreiras, ser unha cousa e outra a un tempo. Igual que na física clásica, en España pensabamos que calquera feito é legal ou ilegal; pero coma os electróns, que se comportan como partícula e onda, Cataluña logrou demostrar cuanticamente que a política, coma a ciencia, é quen de resolver o que as limitadas mentes tradicionalistas non atinxen.