O Goberno decide: reacción ou desconexión definitiva nas Pontes

Francisco Conde TRIBUNA

OPINIÓN

LÍA PAZ | Europa Press

05 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Imaxinemos por un momento unha comarca cun tecido industrial forte vinculado ao ámbito enerxético, con índices de renda altos e con traballadores sobradamente preparados.

Imaxinemos este escenario e que de repente todo se empeza a derrubar. Que a empresa sobre a que se sustenta a economía local decide de xeito precipitado pechar, e que a Administración central, tras xerar un clima de inestabilidade e de incerteza, mira para outro lado e non adopta as medidas de acompañamento necesarias para o mantemento da actividade industrial.

A estas alturas, a maioría dos galegos e as galegas xa saben, lamentablemente, que este conto é real. Un pesadelo do que non esperta Galicia e, sobre todo, as 750 familias vinculadas á central térmica das Pontes -entre traballadores de Endesa, das empresas auxiliares e os transportistas-.

Galicia non quedará calada ante esta inxustiza, nin aceptará que o Goberno deixe abandonada á súa sorte esta comarca. Nin aceptará que Endesa, tras investir máis de 200 millóns de euros para adaptarse ás directrices europeas, rompa o seu compromiso de buscar alternativas que concedan unha segunda oportunidade á central das Pontes.

Como é posible que Endesa tome esta decisión cando estabamos traballando de xeito coordinado entre todas as Administracións nunha solución técnica, medioambiental e económica?

Non estamos a falar só de que a decisión de Endesa, co silencio cómplice do Goberno de Pedro Sánchez, converterá ás Pontes nun deserto industrial. As consecuencias van moito máis alá. Estamos ante un deserto social, o abandono sen precedentes dunha comarca que durante anos foi a batería de España e á que agora parece que se lle quere premer o botón de desconexión definitiva sen ofrecer alternativas.

Non é fácil de entender que Galicia teña que ser a primeira en afrontar, desde a improvisación, esta transición enerxética cando en Europa hai preto de 150 centrais térmicas en funcionamento e cando a propia Comisión Europea recomenda ao Estado, tras avaliar o Plan Nacional Integrado de Energía y Clima de España para el período 2021-2030, que teña en conta «as repercusións sociais» das medidas que se queren levar a cabo.

A mala política ten sempre consecuencias. De feito, o Executivo de Pedro Sánchez ten demostrado que carece de axenda industrial e enerxética e, no acordo presentado con Unidas Podemos, tampouco cita expresamente á central das Pontes (nin a Meirama), e nin sequera establece prazos e compromisos orzamentarios para levar a cabo unha transición enerxética xusta. Baixo ningún concepto o custo desta transición ten que ser asumido polos traballadores.

Se o novo Goberno quere de verdade estar ao lado das 750 familias ten que facer unha fronte común con Galicia e reclamar a Endesa que reactive a central, garantindo a súa continuidade ata poder optar a partir do ano 2021 aos fondos europeos para esta transición xusta. Ao mesmo tempo, debe poñer en marcha os mecanismos fiscais que ten ao seu alcance, como o céntimo verde.

E se o novo Goberno quere de verdade estar ao lado das 750 familias debe convocar canto antes a mesa de seguimento das Pontes. O pasado 30 de decembro solicitámoslle por carta á ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, a celebración deste encontro, para avaliar a situación entre todos os actores implicados.

Non podemos perder un minuto máis. Porque tempo é precisamente o que non temos. Necesitamos a reacción do Goberno para que As Pontes teña futuro.