Hai que xogaro ao aire libre


Amaior parte dos xoguetes que reparten estes días Papá Noel e os Reis Magos pertencen ao ámbito da tecnoloxía, o cal é lóxico tendo en conta a súa actualidade e atractivo. Posúen grandes vantaxes educativas, pois fomentan a coordinación psicomotora, a curiosidade ou a concentración. E sobre todo serven de base para a adquisición da competencia dixital, imprescindible dentro e fóra da aula. Pero se non se controla o seu uso, cousa moi frecuente, tenden a potenciar o illamento e a falta de exercicio físico.

Cada día resulta máis estraño algo que debería ser habitual: ver aos nenos xogando en grupos e ao aire libre. Un de cada dous permanece menos de unha hora diaria, de media, fóra dos espazos interiores. A actividade lúdica no exterior, con desbalde de exercicio físico, correndo, suando e mesmo coas pernas cheas de negróns, segue a ser necesaria non só para aumentar o gasto calórico, senón tamén para a normal socialización e maduración da persoa. Os rapaces están cada vez máis illados e inmóbiles e os seus únicos amigos acaban por seren os aparellos tecnolóxicos. Xa que logo, medran os casos de obesidade e de depresións, aspectos que van parellos, pois a falta de exercicio incrementa a tensión e prexudica o humor e o comportamento, debido ao descenso do nivel de osíxeno e de endorfinas no cerebro. E os datos son preocupantes: máis dun 63 % dos nenos non alcanza os 60 minutos diarios de actividade física moderada ou vigorosa e temos unha das porcentaxes máis altas de obesidade da Unión Europea.

Por outra parte, ese abuso de actividades sedentarias está afastando aos menores da natureza, polo que tamén é raro, mesmo no contorno rural, ver a rapaces subindo ás árbores, collendo bichos ou arrolándose polos prados. E as consecuencias son tan negativas que incluso se está a falar xa de trastorno por déficit de natureza, con síntomas como hiperactividade, depresión ou fatiga constante. O aumento dos problemas de aprendizaxe e de atención na aula teñen aquí unha das súas causas.

A culpa non está na xeneralización dos xoguetes ou aparellos tecnolóxicos, senón no mal uso que deles se fai. Acaban por crear adición e roubar moito tempo á actividade física, sobre todo ao aire libre. A situación aínda é peor pola proliferación de pais que protexen en exceso aos fillos e que teñen medo a que se ensucien, collan frío ou lles traben os bichos. Ao final convértenos en plantas de salón, con todo tipo de alerxias e pánicos inxustificados.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Hai que xogaro ao aire libre