Os amnésicos e as estatuas do pórtico

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

03 ene 2020 . Actualizado a las 02:03 h.

Quen sabe do pasado? É a pregunta que debemos facernos despois de ler a sentenza en apelación da Audiencia de Madrid sobre a propiedade das dúas estatuas do pórtico da Gloria que «por deseo del Caudillo» estaban, e seguen estando, nas mans da familia Franco. Os desexos do ditador son lei na ditadura, que é o contrario dun Estado de dereito, malia que moitos se viran obrigados a vivir asumindo esa ficción. O estraño é que aqueles desexos sigan vixentes en democracia, pero pode pasar e está a pasar. De feito, asuntos equiparables tiveron que enfrontarse en Alemaña, Austria ou Francia nos últimos setenta e cinco anos. O importante nos problemas co pasado -igual que nos matemáticos- é ter clara a formulación para poder afrontar a resolución.

A idea que as sociedades, xuíces e xuízas incluídos, teñen do pasado e os seus problemáticos efectos no presente ten moito máis de confusión que de claridade. Ten pouco que ver coa verdade e moito cos temores das sociedades a afrontar o seu pasado máis incómodo, co que se quere ou non crer que aconteceu e co valor que o presente quere darlle a ese pasado. Os que hoxe actúan nos xulgados non viviron o tempo pasado sobre o que están a litigar, pero nin telo vivido lles daría unha idea máis verdadeira. Desde que pasa, o pasado fica sometido a interpretacións, verosímiles e inverosímiles. Tanto é así que ningún historiador avala as teses das sentenzas neste caso, e cada proba documental que achegan os expertos vai en dirección contraria ás resolucións xudiciais. A última, da pluma de Francisco Prado Vilar, publicada neste xornal. Porén, as sentenzas din que o que din.

O por que desta diverxencia é difícil de explicar en poucas liñas. Pode entenderse lendo un libro recente que me recomendou Gustavo Hervella. Titulado en castelán Los amnésicos, sae da man dunha xornalista de inconfundible nome francoalemá, Geraldine Schwarz, que busca en tres xeracións a relación da súa familia co nazismo en Alemaña e na Francia de Vichy, e tamén se preocupa por comprender o asombroso caso dos veciños austríacos. A súa tese é simple: a diferente intensidade dos problemas de xenofobia, violencia e ascenso da extrema dereita na Europa actual ten que ver coa forma de dixerir os pasados incómodos na RFA, na RDA, Francia e Austria. As dificultades para facelo e as coartadas para evitalo levaron a diferentes políticas do pasado. Non parece doado adquirir unha conciencia histórica sobre a verdade dos pasados problemáticos: require tempo, traballo de investigación, distancia crítica e liberdade de expresión.