As outras encarceradas

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

03 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi a imaxe da Noiteboa: o paseo da cidadá Cristina de Borbón co seu marido de permiso carcerario, tan louros e guapos coma sempre. Así se constrúe a bonita normalidade dun preso, esquivando a través dun presente agridoce a memoria fría desoutros paseos que van quedando na distancia, aquela época dos avogados e as condenas, o tempo en que comezou outra vida.

Que a instantánea, tan acaída para o papel couché, non lles faga pensar que o sorriso borra a dor, exactamente igual que acontece nas fotos que poboan os móbiles das familias dos presos españois que non son perseguidos pola prensa. Pero velaí están esoutras persoas, coma esta familia cuxa conta corrente non sae na imaxe, devecendo polos permisos que penden dun fío; que unha lea non cadre un mal día a un metro de onde un come; que a ansiedade non cha xogue no peor momento; que o mono non che veña o día que non debe. Non, claro que non, ninguén fai fotos desas mulleres que non cometeron delito ningún pero sofren a condena da soidade, a separación, a pobreza e a culpa; as esposas, as nais e as fillas de milleiros de presos que non teñen casa en Suíza pero sofren algo moi semellante ao que seguramente se vive nos últimos tempos na gaiola dourada da familia Borbón-Urdangarin.

Na imaxe, Cristina e Iñaki, da man, desprenden a aura da conta atrás. Cada día un día menos. Cada hora unha hora menos. Cada bico, un bico menos. Quizais aínda cren que a liberdade ten un prezo accesíbel para millonarios e casas reais, pero xa aprenderon, seguramente ao seu pesar, que o tempo non hai deus nin rei que o merque. Pois, coma a morte, o cárcere non iguala, pero ensina que hai emocións que non se venden, nin se tapan con Photoshop.