Impacto da separación nai-bebé

Andrea Rodríguez Freire EN LIÑA

OPINIÓN

CHILDREN'S NATIONAL HEALTH SYSTE

31 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O bebé cando nace agarda atoparse a súa nai, seguir no corpo dela e dende aí explorar e recoñecer o mundo. A ruptura deste contacto poderá traer graves consecuencias para ambas partes. Citando ao neonatólogo Nils Bergman, investigador do método canguro: «O peor que lle pode pasar a un recén nado é que o separen da súa nai». Soamente as separacións causadas por cuestións médicas que imposibiliten o acompañamento do bebé polos proxenitores xustificaría o prexuízo e dano da mesma.

A Carta Europea dos Dereitos dos Nenos Hospitalizados (art.3) di: «Os nenos teñen dereito a estar acompañados dos seus pais ou da persoa que os substitúa o máximo tempo posible durante a súa permanencia no hospital, non coma espectadores pasivos senón como elementos activos da vida hospitalaria». De ser necesario o traslado dun recén nado o método de transporte preferente deberá ser o método canguro, para garantir a continuidade no contacto da díada nai-bebé, que regula (temperatura, frecuencia cardíaca, nivel de glucosa) e favorece o establecemento do vínculo temperá, esencial para a saúde e benestar físico e emocional do bebé ao longo da vida.

Tamén, a ONU di que «o amamantamento debe considerarse unha cuestión de dereitos humanos tanto para os bebés como para as nais e debe ser protexido de accións que busquen impedilo». A separación temperá pode dificultar o establecemento da xactancia, dado o impacto emocional para a nai e o bebé, sumado á perda do escenario neurohormonal que se dá no posparto inmediato, que activará os reflexos primarios no bebé para succión e busca de alimento e contacto, así como o efecto sobre a nai que despois do parto precisa do seu fillo enriba do seu peito, onde poder recoñecelo e iniciar o establecemento do vínculo afectivo así como a xactancia materna. Isto fai que aumente a oxitocina, facilitando que o útero reduza o seu tamaño. Para a nai, esta separación brusca e sen ningunha xustificación pode ser vivida como un trauma.

O nacemento é un acontecemento que deixa unha profunda impronta tanto no bebé coma na nai, ten un impacto a curto e longo prazo na psique de ambas partes, e dá comezo ao establecemento da vinculación que asegurará o bo coidado e establecemento dun apego seguro.

Nacemos cunha inmadurez que precisa da presenza dun coidador principal que cubra as nosas necesidades físicas e emocionais, e preferentemente esa figura será a nai. Separar a unha nai e un bebé recén nado, sen causa xustificada, pode considerarse coma unha forma de violencia (sexa esta definida como obstétrica, institucional ou de xénero) contra as mulleres e a infancia.