Vivamos con sentidiño!

Sandra Faginas Souto
Sandra Faginas DARLLE Á LINGUA

OPINIÓN

rag

28 dic 2019 . Actualizado a las 12:27 h.

en Galicia somos afortunados e gozamos dun sexto sentido. Ademais do tacto, do olfacto, do gusto, da vista e do oído, contamos co sentidiño, o máis extraordinario de todos eles, que vén de ser elixido o termo do 2019 polo Portal das Palabras que conta coa colaboración da RAG e a Fundación Barrié. O sentidiño, desde logo, primou nunha elección na que por debaixo quedaron feminicidio, narcosubmarino, quecemento global e negociación, unha palabra esta moi esgotada que só acadou o 1% dos votos.

Non teño claro que o 2019 teña sido un ano con moito sentidiño, máis ben apostaría a que estes doce meses estragaron co sentido común, que fai que sigamos desgobernados e á espera de que alguén poña cabeciña en tanto rebumbio. Talvez por iso esta elección do sentidiño sexa unha revelación do que debería acontecer no 2020 seguindo a estela desa sabiduría popular representada polas avoas galegas. Delas herdamos este marabilloso concepto que ten un punto máis disfrutón que o sentido, e moitísima máis mesura, equilibrio e aloumiño na súa expresión. «Se vas de festa, sentidiño!» non ten dúbida desa interpretación que non é a simple rifa seca. Porque «Se vas de festa, sentido!» ponte á defensiva, férete no corazón, ponte nun lugar de moita menos confianza que ese sentidiño agarimoso que permite o gozo con tranquilidade. Ese -iño galego transfórmao, dálle a sensatez que perde o sentido e favorece a estreita relación entre os falantes: «No coche vai con sentidiño»; «Bebe con sentidiño»...

Así que os galegos abranguemos no uso dese termo unha propia concepción do mundo, que evidencia que é mellor antes de precipitarse que alguén che diga: «Vas caer». E que se de súpeto cambia o aire e choven chuzos de punta a mesma voz che abra o ceo cun: «Malo será». Ese sentidiño de Galicia fai que de pronto collamos a chaqueta e digamos na despedida: «Marcho, que teño que marchar» e que ante unha desazón pequena, a túa nai che espete: «Agora xa foi, Marica non chores». E se chegas con resaca o día da festa, o teu avó che solte na cara: «Días de moito, vésperas de nada», e se suspendes teus pais che alerten: «Ou aprobas ou vas coas ovellas ao monte!»... Ese sentidiño é extraordinario en todo, mesmo nesa fartura que despois dunha enchenta, consegue que a túa tía che pregunte con preocupación: «Fágoche un bisté?». Vivamos con sentidiño!