A que saben as margaridas?

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

20 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Saben a vergoña: a serie que vostedes gozaron na TVG, e que recibiu un portazo do resto de televisións españolas por estar en galego, foi un éxito de Netflix, que a subtitulou a 180 idiomas e xa encargou a segunda tempada. E é que, como sabemos moitas das persoas que nos dedicamos á cultura e temos a sorte de asomar a outros países, o problema contra o galego non existe alén do Telón de Grelos. Ademais temos a capacidade de contaxialo, sobre todo aos nosos veciños, especialmente proclives a crer esa idea tan nosa de que o centro do mundo é Madrid. Alguén creou para iso o afortunado termo cosmopaletismo, que, para a nosa desgraza, practican con habelencia as nosas institucións, que entre outras facetas desatendidas deberían realizar a promoción exterior da cultura galega. Preguntáronse vostedes algunha vez que imaxe damos se levamos como representantes da cultura galega a feiras literarias coma Guadalajara ou Bos Aires a persoas que non escribiron nin unha soa liña en galego? Con razón Netflix alucina ante a súa descuberta de Galicia: nunca antes oíran falar de nós. Pero, noticia: a produtora de O sabor das margaridas, cineastas coma Oliver Laxe ou Diana Toucedo, e os bestsellers Domingo Villar ou Arantza Portabales que arrasan en Italia ou Alemaña, saben que usar unha lingua con menos de cinco millóns de falantes é só un dato cuantitativo que pouco ten que ver co interese artístico. Para mostra, Finlandia.

Como dicían os homes de Nós, ser diferentes é ser existentes, e algo hai da nosa particularidade nese éxito de produtos culturais galegos que xeran interese a partir do diferente, do descoñecido e mesmo do exótico en espazos que nunca nos viran. E temos un mérito enorme, porque case todo o facemos sós.