Preguntas sen repostas no AVE a Galicia

Ethel Mª Vázquez Mourelle TRIBUNA

OPINIÓN

VÍTOR MEJUTO

16 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

En contra do que ás veces podería parecer, o AVE é obxecto dun dos maiores consensos sociais existentes en Galicia, baseado en tres razóns incuestionables: acumulamos un retraso excesivo con respecto a outras comunidades autónomas, soportamos demasiados enganos e incumprimentos e ignoramos cando poderemos subir a ese tren.

Desde aquel 1988 en que Abel Caballero, entón ministro de Comunicacións e Transportes, anunciou que o AVE chegaría a Galicia en 1993, houbo en España sucesivos gobernos de diferente signo político e ningún deles culminou o vello compromiso. Chegados a finais de 2019, o último prazo comprometido oficialmente para finalizar as obras, a nosa terra segue agardando e reclamando a alta velocidade ferroviaria.

Hai moito que o AVE transcende ideoloxías e siglas: é un obxectivo de país. Galicia non aspira a ter máis ca os demais, pero tampouco acepta ter menos que ninguén.

Non é un anhelo vacuo ou caprichoso. A situación xeograficamente periférica de Galicia fai especialmente precisas unhas comunicacións competitivas que acheguen, ademais de calidade de vida, máis oportunidades económicas, máis emprego e máis capacidade de atracción, e que o fagan, ademais, a través de formas de mobilidade sostibles. O tren de alta velocidade é necesario para unha comunidade que está a planificar o Xacobeo 2021 como o gran acontecemento turístico da década. E é un desexo real dos cidadáns.

Galicia precisa o AVE como auga de maio. Queremos unha alta velocidade con todas as garantías de seguridade, en dobre vía e cos trens de ancho variable de última xeración funcionando canto antes. O deber da sociedade, do conxunto de administracións públicas e de partidos políticos é manter viva e unida esa demanda.

Desde hai dez anos, a Xunta entende como unha obriga esixir e seguir de cerca a evolución dos trámites e das obras do AVE, no marco dunha inquebrantable lealdade institucional ao Goberno de España, sexa cal sexa a súa cor.

O presidente Alberto Núñez Feijoo creu na palabra do ministro socialista José Blanco no ano 2009 e asinou con el o Pacto do Obradoiro que fixaba a chegada do AVE no ano 2015. Esiximos información e axilidade de Íñigo de la Serna cando, tras o bloqueo político de 2016, se reactivaron todos os treitos das obras. E confiamos en que, asumindo o cronograma do seu antecesor, o ministro Ábalos cumpriría a súa palabra de pór en probas os trens de alta velocidade neste ano 2019 que xa encara a súa última quincena.

Ignoramos os motivos polos que, máis de ano e medio despois da súa chegada ao Goberno central, e cando é xa máis que evidente a imposibilidade de acadar esa meta, os seus responsables se empeñan en negalo e renuncian a explicarlles con claridade aos galegos os motivos e o alcance deste novo atraso.

Estou convencida de que faltaría gravemente ás miñas responsabilidades como conselleira de Infraestruturas se decidise calar e mirar cara a outro lado. Onde algúns pretenden ver un ataque, só hai Goberno autonómico cumprindo co seu deber inescusable de dicirlle a verdade aos cidadáns.

Levamos demasiado tempo agardando como para que nos dea igual decembro de 2019 que marzo ou setembro de 2020.

Somos conscientes de que se trata dunha tarefa extraordinariamente complexa. Coñecemos ben as peculiaridades da nosa orografía e as dificultades técnicas e económicas que implica desenvolver as infraestruturas da alta velocidade entre Zamora e Ourense. E por iso recoñecemos o hercúleo esforzo de todos os que participan na execución destas obras e, en especial, o da presidenta de Adif, que desde os seus distintos cargos nese organismo impulsou con determinación o AVE galego nos últimos anos.

Pero a Xunta de Galicia tamén é unha Administración con competencias na construción de obras públicas de calado que sabe que cada avance nas porcentaxes de execución se acompaña dunha actualización permanente de custos e prazos de finalización estimados.

E por iso sabemos que cando demandamos información sobre a data prevista para o remate dos traballos da alta velocidade galega estamos a pedir un dato que o Ministerio de Fomento coñece e que, deliberadamente, cala.

De momento, os galegos temos claro que as obras do AVE non rematan este ano e, novamente, reclamamos información e axilidade.