Pandeireiro e poeta

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

13 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Dos catro escritores nosos que foron durmir fóra hai corenta anos, o máis novo foi Celso Emilio Ferreiro: deixounos o 31 de agosto de 1979, con sesenta e sete anos. A súa musa, pouco coñecida nos primeiros anos da posguerra, petou fortemente na conciencia de cantos lían poesía en galego no ano 1962: o ano de Longa noite de pedra, un libro que é un dos grandes fitos da poesía galega. É moi difícil atopar, nun país gobernado antidemocraticamente, un libro con tantos versos de denuncia e en favor da dignidade cívica. Foi un libro lido por todos: polos lletraferits habituais, polas persoas cultas e por moita xente moi pouco afeita a ler poesía (sobre todo se era en galego). Non é difícil explicalo: Celso Emilio sabía comunicar urbi et orbi. Explicitareino.

Nun libro meu de 1982 sobre o poeta, escrito en castelán para a editorial Júcar (Madrid), figura, no limiar, un apartado de dúas páxina co título «De pronto, en este prólogo, suena una pandeirada». Nel conto onde, cando e como tiven o primeiro encontro co escritor: en Vigo, no ano 1959, en Casa Julio, taberna do meu irmán maior que Celso Emilio, seareiro dos bos viños, frecuentaba con certos amigos. Ese día, o poeta e algúns compañeiros, nun reservado ad hoc, entre grolo e grolo e, entre fiostra e fiostra de queixo, cantaban vellas cancións do país, mester no que o noso escritor era unha alfaia.

Quizais non era Celso Emilio, naquel pequeno orfeón, quen mellor cantaba, pero era quen o facía con máis xeito popular (popular, aquí, non é tabernario, pois Celso Emilio -non tardei en decatarme- era un anaco de pobo matizado, sen academicismo, pola cultura). Tampouco sei se Celso Emilio, como percusionista, era o mellor pandeireiro das tabernas de Galicia, pero axiña me decatei de que era, naquel grupo, quen percutía cun ritmo máis do pobo, co acento da xente educada nos mellores turreiros. Celso Emilio, o cantor e o pandeireiro, comunicaba ben; chegaba, con eficacia, á nosa mellor leira comunal; Celso Emilio, o pandeireiro e o cantor, comungaba coa xente, coa popular e coa culta.

Hoxe sábese ben que, á beira do Celso Emilio Ferreiro poeta da espada, o de Longa noite de pedra (1962), hai outros poetas, nomeadamente o poeta da canción inspirada por Venus. É o caso do poemario amoroso Moraima: Diario de a bordo (1975), excelsos poemas estrañamente inspirados pola esposa legal, non pola amante. O poeta Celso Emilio deslumbrou onte e segue a deslumbrar hoxe por facer, en conmovedor verso galego, o amor e maila guerra.