Unha visión sobre a violencia filioparental

M.ª Dolores Seijo Martínez TRIBUNA

OPINIÓN

Pixabay

12 dic 2019 . Actualizado a las 10:03 h.

A Sociedade Española para o Estudo da Violencia Filioparental (Sevifip) propuxo no 2017 unha definición integradora da violencia filioparental como aquelas condutas reiteradas de violencia física e psicolóxica -verbal ou non verbal- ou económica dirixida ás e aos proxenitores ou a aquelas persoas que ocupen o seu lugar. Exclúe as agresións puntuais, as que se producen nun estado de diminución da conciencia que desaparecen ao recuperala, como intoxicacións ou estados delirantes; as causadas por alteracións psicolóxicas, xa sexan transitorias ou estables; e o parricidio sen historia de agresións previas. A Memoria da Fiscalía Xeral do Estado do 2018 alerta dunha tendencia alcista nos asuntos de violencia filioparental, cun incremento do 7,11 % con respecto ao ano anterior.

Entre os modelos específicos explicativos da aparición e o mantemento da violencia filioparental púxose de manifesto o papel dos estilos de socialización parental. Así, a perda de autoridade, a falta de disciplina e de consistencia nas normas, o maior uso de prácticas de coerción e imposición por parte dos seus proxenitores, xunto con mostras inadecuadas de afecto ou de apoio, son características dos fogares onde están presentes condutas de malos tratos cara aos proxenitores. Unha recente metaanálise realizada por Gallego, Novo, Fariña e Arce conclúe que os menores que foron vitimizados polos seus proxenitores teñen un 71 % máis de probabilidades de exercer violencia filioparental respecto daqueles que non o experimentaron.

A Asociación Americana de Psicoloxía posicionouse acerca dos métodos de disciplina violentos nos que se recorre á coerción física, afirmando que danan a saúde mental dos menores e poden xerar á súa vez un incremento do comportamento agresivo. O uso da disciplina física relacionaríase cun aumento de problemas externalizantes, tales como condutas agresivas ou antisociais, e internalizantes, como maior presenza de tristeza ou de medo.

O emprego de métodos coercitivos violentos nas prácticas parentais facilitaría a interiorización do uso da violencia nos menores como estratexia lexítima de resolución de conflitos. Ademais, o abandono destas prácticas parentais asóciase coa diminución de comportamentos inadecuados e agresivos nos menores.

Neste sentido, débense contemplar enfoques educativos alternativos, que aludan á parentalidade positiva, e adecuarse así ás novas circunstancias e necesidades das familias, instruíndo os proxenitores no adecuado exercicio do seu rol, que lles permita executar as súas funcións parentais dunha forma responsable, en consonancia coas recomendacións provenientes do Consello de Europa.