A demagoxia verde

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

11 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A semana pasada a noticia foi o cumio do clima da ONU en Madrid, que aínda segue, pero esta semana a noticia será o mundial de clubs de fútbol en Qatar. Que une unha cousa e maila outra? Pois a proposta do presidente do Real Madrid de crear unha liga mundial de clubs. Que o señor Florentino Pérez queira pasar á historia pola porta grande non é cousa nova, pero a porta que escolleu, máis que grande, é megalómana. Un desafío global que permitiría acaparar dereitos de emisión mundiais e darlle outra dimensión ao negocio. Tamén suporía relegar as ligas estatais a unha segunda división, e mesmo abandonar á Euroliga aos segundóns. Para iso necesita convencer aos donos dos grandes equipos. O que se propón é unha conquista do mundo polo fútbol español no século XXI, protagonizada polo Real Madrid, ao xeito de como nos anos sesenta conquistara Europa.

A tal liga mundial de fútbol sería algo así como unha fórmula 1 con todo o seu circo e desprazamentos incluídos, pero en fútbol. Discútese moito sobre o asunto: se os ingleses estarán dispostos, se os alemáns entrarán ou que dirán as federacións nacionais, estatais e continentais. Se pesarán máis as identidades nacionais e os públicos tradicionais ou o empeño transnacional que destila a idea de Florentino Pérez. A proposta e a súa discusión coinciden exactamente co cumio do clima de Madrid e escríbese moito a conta dela sobre a demagoxia duns e o negacionismo doutros. Para o meu ver, a maior demagoxia destes días deuna o dono deste equipo de fútbol. Mentres todos debaten sobre a emerxencia climática, o quecemento global e as formas públicas e privadas de tomar conciencia e medidas que sexan efectivas, outros fan negocio verde. O asunto non é novo, pero nesta altura chegou a niveis de insulto da intelixencia. Bótase de menos escoitar voces expertas -deportivas ou científicas- que cuestionen isto por razóns ambientais.

O que se propón con esta liga mundial é unha contribución considerable ao acrecentamento da contaminación e do quecemento global: vinte clubs de fútbol desprazándose todas as semanas polo mundo adiante, duns continentes a outros, acompañados dunha corte de seareiros privilexiados de alto standing, que previsiblemente se irá facendo cada vez máis grande.

Paradoxalmente esta proposta amosa que non é certo que os poderosos non tomen conciencia sobre a emerxencia climática ou que a neguen, contra as evidencias científicas. A esa toma de conciencia parece responder precisamente unha proposta coma esta. Como afirma un colega experto, os máis poderosos están a acaparar os recursos globais de modo exclusivo, especialmente os ambientais. Tamén os recursos do fútbol. Mentres Greta Thunberg está a pór de moda entre os adolescentes a renuncia a desprazarse en avión polo seu alto poder contaminante, outros van na dirección contraria pero con argumentos populares. Iso si, o equipo do presidente Florentino contribuíu decisivamente ao cumio do clima e á concienciación ambiental, facendo que por primeira vez o seu equipo vestira de verde no partido da semana pasada. Como manda o novo deus ambiental, e para escarnio dos afeccionados do Racing de Ferrol e dos futuros parados de Endesa.