Blanco-Amor, no seu tempo, pouco valorado

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

No disponible

29 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Dos catro escritores que nos deixaron hai corenta anos, Eduardo Blanco-Amor era o máis vello: foi «durmir fóra» o 1 de decembro de 1979, xa cumpridos os 82 anos (a expresión «ir durmir fóra» empregouse en prosa, por primeira vez, o 24 de setembro de 2018, nunha esquela de La Voz de Galicia). Hoxe, en Galicia, goza dun gran predicamento, non así fóra das nosas fronteiras lingüísticas. Foi, sen dúbida, unha das grandes personalidades das letras galegas e das castelás do século XX, nomeadamente nestes tres eidos: narrativa, artigo e oratoria (mesmo foi, nunha academia, profesor de oradores). É autor de textos moi valiosos noutros xéneros: teatro, poesía, ensaio, libro de viaxes... Foi tamén un brillante epistológrafo e un conversador que seducía. Agora ben, no ano da súa morte, ese novelón que titulou La catedral y el niño (1948) non acadara na crítica española o predicamento debido.

En efecto, o escritor Eduardo Blanco-Amor non suscitou, en vida, o recoñecemento, o alto recoñecemento a que tiña dereito, o que lle doeu non pouco, dor que non sempre calou. A persoa Blanco-Amor, desde que regresou da Arxentina en 1965, fose en Ourense, en Vigo, en Madrid ou en Barcelona, non se atopou coas palabras que a súa obra -e a súa vida- merecían. Pouco comprendido pola súa condición de homosexual, rexeitado en determinados ámbitos pola súa condición de republicano e home de ideas moi avanzadas e non sempre aplaudidas certas formulacións galeguistas súas, o cidadán Blanco-Amor distou de ser un profeta na súa terra, na súa patria. Hai un libro pouco citado que o retrata de corpo enteiro, tamén nas súas íntimas peculiaridades: os textos que Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda recolleu, organizou e anotou co título de Entrevistas con..., publicado pola editorial Nigra (Vigo), que dirixía o escritor Gonzalo Allegue, autor, en 1993, dunha biografía que haberá que ter en conta sempre: Eduardo Blanco-Amor diante dun xuíz ausente. Foi a investigadora citada quen, nun artigo da revista Grial (2004), «exhumou» un «xesto» grandioso do cidadán Eduardo Blanco-Amor: xa dimitido don Manuel Azaña (1939) como presidente da República Española -renunciando, por tanto, á correspondente nómina-, o escritor ourensán, que vivía en Buenos Aires do modesto salario dun empregado dunha moblería, escribiulle unha respectuosísima carta na que lle ofrecía o seu soldo mensual, a paga da que Blanco-Amor vivía.

Cidadán destas características, como prosista escribiu páxinas de ouro sobre a Guerra Civil e a represión franquista naqueles anos. Publicadas en Buenos Aires ao fío dos acontecementos, foron recolleitas e explicadas por Gregorio Ferreiro Fente nun volume imprescindible que titulou En defensa e ilustración da II República Española (Mar Maior, 2016).