Veganos e outros «plantívoros»


Hai case 40 anos, cando acababa de licenciarme en Bioloxía, alguén colocou na miña Facultade un cartel que me impresionou fondamente. Nel víase un macaco, nunha investigación biomédica, nunha brutal imaxe do maltrato a un ser vivo, coa cabeza chea de parafusos, cables e sensores, e completamente inmobilizado, o que me causou un tremendo impacto, sobre todo a expresión de impotencia e resignación e a tristura que o animal tiña nos seus ollos. Co tempo deime conta de que estes feitos se debían ao antropocentrismo, filosofía dominante na cidadanía deste planeta, pola que todos os animais están para nos servir e podemos facer con eles o que nos pete. E esta actitude maniféstase tamén en maior medida cos vexetais. Co paso do tempo, xurdiron moitos colectivos animalistas en contra do sufrimento animal, tanto na experimentación como na cría e engorde de animais domésticos en condicións horribles, e tamén en contra das festas populares con brutal maltrato animal, pois todos son seres vivos que perciben e senten, o mesmo ca nós.

Esta actitude levou a que determinados colectivos, veganos, vexetarianos e outros plantívoros, optaran por adoptar unha dieta estritamente vexetal, baixo diversas opcións éticas, medioambientais ou de saúde, actitude que sempre me chamou a atención porque manifesta un profundo descoñecemento do mundo vexetal. A inmensa maioría da xente, e mesmo un amplo sector do mundo científico, consideran que os vexetais son seres inertes que só se diferencian das pedras en que están vivos, pois non senten, non perciben, non se moven, non sofren ou non reaccionan como facemos os animais, e un exemplo dese desprezo é que definen a case todos os vexetais como maleza ou malas herbas; é dicir, toda a abondosa vexetación non comestible, composta de herbas, silvas, arbustos, etcétera, que medra nos terreos ou en calquera outro lugar e que son moi «prexudiciais» para os cultivos.

Este gravísimo erro, produto do noso antropocentrismo, manifesta unha clara ignorancia do mundo vexetal, cando hoxe se sabe que os vexetais teñen un éxito evolutivo moito maior que os animais. Se mañá desapareceran todos os vexetais do planeta, todos os animais extinguiríanse indefectiblemente, pero se desapareceran todos os animais só uns poucos vexetais se extinguirían. A súa estratexia vital, aínda que fundamentada no mesmo ADN e nas mesmas células eucariotas, é estruturalmente diferente.

Os animais concentramos as nosas funcións esenciais en órganos únicos ou dobres: cerebro, corazón, fígado, pulmóns, riles, etcétera, e, se un deles se dana, inexorablemente o animal morre; ademais, dependemos da inxestión animal e vexetal para o crecemento, mentres que os vexetais son de crecemento autónomo, xerando o seu soporte orgánico a través da enerxía solar mediante a fotosíntese, posiblemente o máis importante avance do proceso evolutivo. Os vexetais son estruturalmente modulares, polo que a perda dunha parte corporal non é letal, ao teren as súas facultades sensitivas dispersas por todo o corpo e os controis vitais e de percepción do medio, principalmente no sistema radicular, que goberna a planta coma un cerebro colectivo. Son sensibles, con máis sentidos cós animais, comunícanse, dormen, memorizan e mesmo poden manipular a outras especies.

Consecuentemente, cando comemos unha leituga, unha mazá, unha noz ou calquera outro froito estamos mastigando seres vivos con células vivas; cando cocemos patacas, grelos ou chícharos estamos escaldando seres vivos con células vivas; e cando cortamos tomates, cebolas ou pementos estamos acoitelando seres vivos con células vivas, pero como non somos capaces de percibir o seu tipo de reacción concluímos que nin senten nin sofren. Mais non é así: existe o sufrimento vexetal! Aínda que pouco se pode esperar de nós, pois a mesma palabra vexetal ten unha clara connotación ofensivo-despectiva: «Es coma un vexetal!». Para rematar, podo dicirlles que cando circulo semanalmente pola AP-9 e vexo nos terrapléns traballar eses tractores esnaquizadores de vexetais vén sempre á miña cabeza aquela mesma sensación que tiven cando vin ao macaco do cartel.

Por Victoriano Urgorri Catedrático de Zooloxía Mariña e director da Estación de Bioloxía Mariña da Graña

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Veganos e outros «plantívoros»