Navegantes galegos

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

24 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Conta a tradición, e os libros de liñaxes da Idade Media, que os que se apelidan Mariño veñen todos dos amores dun príncipe das rías e dunha serea, e que os tales amores sucederon na illa de Sálvora, na boca da Arousa. Seica foron moi apaixonados, mais tamén ingratos, sobre todo por parte del, de tal xeito que a serea, antes de volver ao seu mundo submarino, anunciou que por cada xeración nova de descendentes cobraría un tributo, e que ese tributo sería o primoxénito. Por iso, segundo a lenda, o fillo maior de cada nova xeración de Mariños morre afogado. A serea chama por el.

A serea dos Mariños campa nos escudos de pedra dos pazos e as casas grandes desta liñaxe nas Rías Baixas e na Galicia toda. Alí onde hai pegada ou memoria dos Mariño e, por extensión, dos navegantes galegos, aparece a serea. Mesmo no escudo de Galicia que no seu día deseñou Castelao e que inspirou despois o logotipo do Consello da Cultura Galega.

Prometín na marea da semana pasada dar conta da excelente exposición que sobre navegantes galegos pode visitarse no edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra, organizada polo Consello e comisariada por un equipo dirixido pola historiadora Ofelia Rey Castelao. Excelente e didáctica. Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas. Séculos XV-XVII: as primeiras carabelas (o gran invento para a navegación que facilitou a exploración costeira de catro continentes), as rutas da especiaría dende a cidade da Coruña no século XVI, Baiona como capital do mar e refuxio de expedicións non sempre regulares, figuras sobranceiras como Sarmiento de Gamboa, García Jofre de Loaisa, Sebastián do Campo, Bartolomeu e García de Nodal (que bautizaron un illote dos pasos austrais do continente americano co nome de Pontevedra), Álvaro de Mendaña e a súa muller, Isabel Barreto, que se fixo co mando da expedición cando o seu home faleceu de malaria nas illas Salomón e tivo que sufocar unha rebelión a bordo para continuar como capitá cara as Filipinas; os navegantes que fixeron a ruta de Magalhâes…

Outra tradición di que Fernando de Magalhâes, que navegou primeiro cos portugueses, era natural da aldea de Magaláns, na ría de Pontevedra, senón el, polo menos a súa liñaxe. Igual que a estirpe de Colón, que tanto deu que falar nos derradeiros anos do XIX (1898) e nos primeiros do século XX, con forte pegada tamén na Boa Vila. Quen era o tal piloto Sarmiento que trouxo a Martín Pinzón ata Baiona? E outrosí Xoán de Novoa, tamén chamado Xoán de Maceda (Ourense), explorador dos mares do Índico, que chegou a ser alcalde de Lisboa e disque era amigo ou correlixionario de Pedro Madruga. Moitas destas cousas son e outras non son, ou non están suficientemente documentadas, froito do imaxinario colectivo. Pero o imaxinario tamén existe, forma parte da construción histórica, ou da memoria que temos de nós.