Atención primaria: outro toque de atención

Ramón Veras / Regina Basadre / Jesús Caeiro TRIBUNA

OPINIÓN

22 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

atención primaria (os centros de saúde) está en pé de guerra desde hai un ano. Despois de múltiples mobilizacións hai outra convocatoria de folga para o 27 e 28 de novembro. Non se piden cartos senón «tempo para poder atender aos pacientes», «traballar con dignidade» ou «estabilidade no emprego».

A Consellería, ante as protestas, impulsou a elaboración de ata tres documentos estratéxicos. Como explicar entón que se manteña a convocatoria da folga? A realidade cotián dos centros de saúde non cambiou nin ten perspectivas de cambiar a pesar de tanto documento e tanta comisión, porque a consellería segue coas mesmas políticas. O único válido son as concrecións e, sen dúbida, a máis importante son os presupostos.

O orzamento en sanidade para 2020 é de 4.028.371.553 de euros, 95,5 millóns máis que no 2019. A porcentaxe do gasto destinado a atención primaria é do 13,78 % do total fronte ao 13 % de 2019, lonxe da cifra do 25 % que a literatura científica recomenda para sistemas de saúde eficientes. A porcentaxe por área sanitaria 2020/2019 practicamente non varía: A Coruña 12,76/12,17, Ferrol 15,29/14,92, Santiago 12,89/12,43, Lugo 14,93/14,65, Ourense 14,27/13,89, Pontevedra 14,75/15,07 e Vigo 11,82/11,41.

O presuposto de atención primaria no 2009, nos inicios da crise, axustado ao valor de euros actuais, era de 1.594.788.531 euros, e no previsto para 2020 é de 1.294.750.665 euros (300 millóns de euros menos), o que supón unha redución do 18,81 %. Neste mesmo tempo, anos de recortes, a atención hospitalaria pasou de 2.344.065.763 euros no 2009 a 2.616.457.789 euros no 2020 (272 millóns de euros máis), un incremento do 10,41 %, indicando cal é a orientación do sistema.

O conselleiro fala de que o presuposto de atención primaria supera o 30 % do total do Sergas, pero non di que aí está metendo o gasto farmacéutico de receitas. Non se pode considerar xerado só por atención primaria senón tamén pola hospitalaria, aínda que sexa o médico de familia o que renove as receitas.

Os orzamentos do Sergas para atención primaria non resisten a proba do algodón. Non se pode dicir que a atención primaria é o centro do sistema, como reitera o conselleiro e o documento do grupo de expertos, e ao mesmo tempo mantela cuns presupostos insuficientes para as necesidades que todos recoñecemos. Menos fume e máis euros.