Amaxofobia: conducir sen medo é posible

Diego Antelo PUNTO DE VISTA

OPINIÓN

XOAN CARLOS GIL

15 nov 2019 . Actualizado a las 12:32 h.

A condución é un hábito imprescindible para moitas persoas no día a día, pero tamén para moitos é un momento moi desagradable polo medo a conducir. Segundo diversos estudos, un de cada tres condutores padece algún medo asociado á condución, así que é un problema ben importante, ao que non sempre prestamos a atención que merece.

Vivimos na sociedade do avance tecnolóxico, na era dixital, chea de recursos que nos fan a vida máis sinxela. Pero a sociedade «paga un imposto» a esa rápida revolución dos tempos en forma de estrés, especialmente o emocional, e con el aparecen ou refórzanse comportamentos como o medo, a angustia e todo o seu repertorio de problemas asociados.

Un exemplo representativo é o medo a conducir, coñecido como amaxofobia, que vén a describir as persoas que padecen medo a conducir e abandonan total ou parcialmente todo o que implique poñerse diante do volante, buscando evitar a condución sempre que poden, ou, se deciden conducir, experimentan moito sufrimento.

«Cando hai moito tráfico bloquéome», «son incapaz de coller o coche desde que me examinei do exame de conducir», «levar un coche resúltame imposible», «non circulo por autovías porque me dá medo», «quedo bloqueado cando se aproxima un túnel e cando se fai de noite», «se vai mal tempo evito coller o coche»… Son moitas as queixas, relacionadas coa condución, moitas delas relacionadas coa problemática a tratar, pero máis curioso resulta o caso de todas aquelas persoas que o sofren en privado, e incluso se senten avergoñadas deste trastorno. Porque, en xeral, descoñecemos que exista, e máis aínda, que poidamos tratalo.

Desde hai un ano o grupo de tráfico e seguridade do Colexio Oficial de Psicoloxía está traballando sobre un programa pioneiro na comunidade galega, denominado Conduce sen medo, cun enfoque principalmente de intervención psicolóxica de carácter breve.

A través do adestramento previo, da exposición controlada e coa axuda complementaria das autoescolas interesadas buscamos que poñerse ao volante non implique un sufrimento, senón que quen sofre este problema o poida facer con confianza e seguridade.

Porque o medo a conducir non debe limitar a nosa vida diaria.