O caldo electoral

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

14 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Pois así estamos. Non queres caldo? Sete cuncas.

O resultado electoral non fixo outra cousa ca poñer de manifesto a gravidade da situación na que nos atopabamos. É sinxelo botarlle as culpas a quen está de cabeza visible, e é a estratexia máis sinxela. Así que ese «todos contra o mesmo» non me sorprende nadiña. Pero, no fondo, espero que saiban que todos son culpables, en certo modo, da fragmentación que hoxe vivimos. Todos.

Non rematara o reconto de votos e xa estaban os líderes políticos botándose as culpas e reproches enriba. E, mentres, a extrema dereita rindo inmensamente feliz. Porque eles foron os grandes favorecidos, os únicos.

E agora que? Pois xa o dicía Julio Iglesias. Uns nacen, outros morrerán. Uns que rin, outros chorarán. E a vida segue igual.

Querían que votaramos? Vale. Xa o fixemos. E agora, que? Porque nós xa cumprimos o noso cometido, por duplicado. Eles escorreron a súa obriga. Vano facer de novo? De verdade se van atrever a deixarnos así?

Ollo cos adiantamentos pola dereita, que son moi perigosos. E non busquen escusas, amigos. Perderon un millón de votos na esquerda.

Pero, agora, os que hai tres días non podían chegar a un mínimo acordo apértanse forte porque todo cambiou.

Que cambiou, señores? Que cambiou? Os votos está claro que non moito. As ideas? Vostedes?

Agora queren cociñar un caldo rico... a ver que sae de aí. Xa saben, cos cambios de tempo o caldo pode perderse, volverse ácido e sentarnos moi mal.

Deberan tomar en serio estar ao mando dos fogóns.