Un anticipo das borrascas que están por vir

Juan Taboada EN VIVO

OPINIÓN

María Pedreda

15 nov 2019 . Actualizado a las 13:47 h.

A situación meteorolóxica de onte estivo caracterizada pola presenza dunha borrasca moi fría, que se moveu con rapidez desde Groenlandia ata o norte da península ibérica, arrastrando inestabilidade, o que provocou precipitacións, aire frío ártico marítimo e que a cota de neve se situase por debaixo dos mil metros.

A esta situación hai que engadir as altas presións que seguen nos Azores, co que se formou un corredor de isóbaras, responsable dos fortes ventos do norte e das ondas que superaron os oito metros de altura.

A presenza de borrascas activas nesta época do ano non é algo estraño en Galicia, xa que nesta altura a radiación solar está cerca do mínimo no hemisferio norte e as borrascas aliméntanse do aire frío, e aproveitando esa escasa radiación achéganse á latitude de Galicia. Non obstante, temos un feito diferencial: a combinación de elementos que se deu (neve, vento, chuvia, ondas...). Isto vén dado polo feito de que a circulación está adoptando un modo que denominamos meridional, no que as masas de aire se moven de sur a norte nalgunhas zonas, para volver a baixar de norte a sur nas seguintes. Por este motivo temos máis frío do normal en puntos de Europa occidental e, porén, en Europa oriental as temperaturas están sendo máis elevadas do normal.

O papel do cambio climático nestas situacións non é fácil de distinguir, pero si que é certo que co aumento da temperatura global —máis rápido no Ártico que nalgunhas zonas ecuatoriais e tropicais— a circulación das masas de aire tende a adoptar un modo meridional, como o que estamos a ter estes días, con máis frecuencia do habitual, polo que as situacións meteorolóxicas extremas poderanse dar con máis frecuencias no futuro.