Galiza, con voz propia

OPINIÓN

11 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Galiza gana co BNG no Congreso e así o sentiron os milleiros de galegos e galegas que confiaron en nós para devolverlle voz propia a este país, para pasar a páxina da discriminación e o ninguneo e para defender os dereitos sociais, as liberdades e a democracia. Non imos fallar, imos estar a altura. E temos un motivo máis de orgullo: durante a campaña dixemos que íamos ser muro de contención contra a extrema dereita racista, machista, xenófoba e antigalega, e así o fixemos. O escano do BNG supón deixar fora o discurso da intolerancia e do odio, e iso é un motivo máis que temos para sorrir.

Desde agora, declaramos a disposición do BNG a colaborar para que haxa un Goberno de progreso no Estado, pero será cunha axenda de país no centro da nosa acción política: imos ser decisivos e con iso, Galiza volve ter voz, unha voz propia que vai soar alta e clara no Congreso. Que ninguén o dubide. A nosa representación neste escenario sen maiorías absolutas vai servir para todo ao que nos comprometemos cos galegos e as galega, para os que nos votaron e para os que non o fixeron: para facer valer os intereses deste pobo. Nunca máis unha Galiza muda. Este 10-N volve confirmar que o BNG suma apoios elección tras elección, suma apoios cada día que pasa e, con este apoio social que non deixa de medrar, imos ser claves para que no 2020 se produza un cambio real en Galiza, un cambio que traerá a saída do PP e de Feijoo do Goberno da Xunta. O Bloque vai ser decisivo nese reto que vai permitir abrir un tempo novo, para construír unha Galiza mellor, desde a confianza nas súas propias forzas.