Os poetas galegos e Franco


Así se titula un libro meu que, co subtítulo Estudio e Antoloxía, publicou a editorial Akal (Madrid) no ano 1997. Cónstame que estes días, co gallo dunha celebérrima exhumación, semellante escolma foi moi consultada. O volume non só acolle os poemas contrarios ao Caudillo (francófobos) senón tamén os favorables, onde abundan, por certo, os botafumeiros (francófilos). Examinando con atención uns e outros, cheguei á conclusión de que os máis logrados literariamente son os dos poetas antifranquistas, o que me fai pensar que a sátira, o xénero execratorio, xoga, na escrita, cunhas bazas expresivas superiores ás do xénero laudatorio. Tamén acontece que na escolma dese meu libro os poetas francófobos chámanse Celso Emilio Ferreiro, Florencio Delgado Gurriarán, Eduardo Blanco-Amor, Ramón Rey Baltar, Xesús Rábade Paredes, Manuel María, Xosé Luís Franco Grande... (a poetas satíricos como Celso Emilio hai que poñelos no ronsel de Quevedo, unha das grandes musas da poesía execratoria). Á súa beira, é moito menor a forza expresiva de Herminia Fariña, Mechitas de Vigo, Carmiña Prieto Rouco, César Abellás, Manuel Remuñán, Teolindo Cortiña, Francisca Herrera Garrido, Marina Cascallar...

Na musa laudatoria non escasean as mulleres, unha delas, Marina Cascallar, autora deste melifluo verso en 1936: «¡Galleguito lindo! ¡Caudillo de España!». Hai outra, bastante coñecida (foi académica), Francisca Herrera Garrido, que, en 1937, considera a Franco «sobrehumano» e o «ser más perfecto que Dios ha creado». Non lle anda lonxe Herminia Fariña que, na mesma data, caracteriza a Franco de «Jefe Infalible». Das poucas gabanzas en lingua galega cómpre salientar as do sacerdote Teolindo Cortiña Toural que, aínda en 1967, dialogaba con Franco deste xeito: «Aló van, Farruco meu, / meu Paquiño, noso xenio». De ler o Xeneralísimo estes dous versos, supoño que non aprobaría o hipocorístico Farruco nin o diminutivo Paquiño.

A ladaíña de dicterios e improperios, arredor de 1970, na poesía clandestina galega, é antolóxica, nomeadamente en Celso Emilio Ferreiro: «Tigre del Pardo, tirano abyecto», «Hijo espurio de Marte», «cabrón de la cabrona clerecía»... Xa en 1946, Eduardo Blanco-Amor definírao como «producto mixto de marrá e de frade». Nesa liña zoolóxica está o Retrato de Paco do Pardo, de Xoán Carneiro (alias de Manuel María): «que foi súa nai un petardo / e seu pai un verme mol».

Celso Emilio, o Quevedo galaico, tamén satirizou a quen, hai días, foi protagonista na exhumación e reinhumación de Francisco Franco Bahamonde: «Al nieto Francisco Martínez le han puesto Francisco Franco». O poeta finaliza con este rogo: «Ten de España compasión, / Señor, ante quien me humillo, / y líbrala del Caudillo / Franco en segunda edición».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Os poetas galegos e Franco