Menos demagoxia e máis acción

Xoaquín Fernández Leiceaga PORTAVOZ DO GRUPO PARLAMENTARIO SOCIALISTA

OPINIÓN

08 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

En plena campaña electoral, o conselleiro de Economía culpa ao Goberno de España de todos os problemas da industria galega, desde Endesa a Alcoa San Cibrao. Culmina así una campaña de mistificacións e demagoxias. En Endesa a tese do señor Conde é que foi o Goberno de España quen tomou a decisión de pechar a central, apostando por prolongar a produción de enerxía a partir do carbón até mediados de século. Non pode haber unha versión máis falsa e una estratexia máis equivocada.

O 27 de setembro a empresa comunicaba á CNMV a «discontinuidade da produción» das centrais das Pontes e Litoral Almería, como fixeran xa antes Iberdrola (2017) e Naturgy (2018). Os plans do ministerio establecían un horizonte de dez anos para a produción de enerxía eléctrica a partir do carbón, e de feito hai tres centrais que pretenden continuar.

A eléctrica toma a decisión de xeito abrupto por tres razóns. A aceleración dos plans de descarbonización na Unión Europea é a principal, coa reforma do mercado de dereitos de emisión de CO2 no 2017 (sendo comisario de Medio Ambiente o señor Arias Cañete) para que cumprise a súa función. Como consecuencia, os dereitos multiplicaron por cinco o seu valor, e con previsión de futuras subas. Para a térmica das Pontes significa asumir ao redor de 150 millóns de euros adicionais en custos.

A segunda razón é a previsión de menos horas de operación da central ao ano, pola tendencia á baixa dos prezos da enerxía en España, coa entrada progresiva en funcionamento de máis instalacións renovabeis.

A terceira e última razón é o custo para a reputación da empresa da súa vinculación con enerxías contaminantes. As empresas xa están no mundo pos carbón. Simplemente, Enel, matriz de Endesa, prefire apostar pola promoción de enerxías renovábeis. Insistir, como fai a Xunta, en situar na diana ao Goberno de España e apostar pola continuidade en límite do carbón é embarcar a toda unha comarca nunha estratexia que non ten saída. É unha irresponsabilidade climática, económica e social por obter unha vantaxe electoral.

O sensato é buscar alternativas, impulsar as renovabeis, adoptar medidas de compensación e facilitar a adaptación de traballadores e empresas, como está a facer o Goberno de España nesta e noutras comarcas afectadas, na liña das políticas da Unión Europea. E preguntámonos, sen resposta, que fixo, fai ou pensa facer a Xunta para promover a transición enerxética xusta.

En relación con Alcoa San Cibrao, só lembrar tres aspectos. Primeiro, non cómpre negar as dificultades. A nova situación mundial da demanda cara ao sueste asiático e a dificultade para competir en enerxía barata coa península arábiga ou Noruega fan fráxil un tecido industrial en mans de grandes empresas que operan nun plano internacional. Segundo, contra o escepticismo da Xunta, o Ministerio de Industria conseguiu unha solución temporal para Alcoa A Coruña e está traballando nun estatuto de empresas electrointensivas que o adianto electoral impediu aprobar. Onde estaban as propostas durante os longos anos de Goberno conservador? Simplemente non existían. Terceiro, nada se consegue neste plano con axitación e propaganda. Por exemplo, esixindo solucións en campaña electoral cando a Xunta sabe perfectamente as limitacións que atan a un Goberno en funcións. Cando, de novo, as accións da Xunta, utilizando os instrumentos de autogoberno, destacan pola súa ausencia.

Os dirixentes políticos que foxen das responsabilidades propias, mistifican a realidade e poñen as estratexias electorais diante das solucións efectivas non merecen o apoio da cidadanía.