O voto dos defuntos e o dos anarquistas


No mes de defuntos lembramos aos mortos; tamén pensamos sobre como morrer e aí xa empezan as dúbidas. A tradición xudía é moi precisa sobre enterrar aos mortos en terra e con sudario. Nós construímos mesturas de tradicións. No chan galaico tivemos unha época megalítica da que non sabemos moito como vivían pero sabemos todo de como enterraban, pois inzaron de mámoas o territorio para construír un país de cemiterios. Na época castrexa deberon preferir a incineración da cultura céltica europea, pois non quedan restos de enterramentos. Roma converteu o funerario nun luxo e a Igrexa cristiá seguiu ese camiño.

Os defuntos son importantes para nós. Houbo un tempo en que mesmo votaban. Foi cun tipo de sistema electoral dun só partido que os franquistas chamaban democracia orgánica e que ningún país recoñeceu no mundo enteiro, non sendo outras ditaduras coas que aquela España intercambiaba métodos das policías secretas, modos de vixilancia e fichaxe da poboación. Métodos de fichaxe que, segundo están a indagar os colegas J. M. Faraldo e G. Gómez Bravo, foron imitados pola Gestapo. Ademais de democracia orgánica aquel sistema deuse moitos máis nomes: estado totalitario, nacional-sindicalista, Movimiento e na súa ousadía incluso se autodefiniu como estado de dereito. Os seus herdeiros preséntanse de novo ás eleccións e todos, agás o PNV, danlles a man. A comezos desta democracia, polas ansias mobilizadoras para lograr apoios ou por inercia de prácticas pasadas, volveron votar algúns mortos pero sobre todo presionouse moito aos vivos. Daquelas prácticas ficou unha frase antolóxica: «O voto é secreto, non se pode dicir». Hoxe os gurús electorais da dereita descubriron que máis importante que mobilizar aos propios, sempre dispostos e agora por triplicado, era desmobilizar aos contrarios para conseguir aumentar a abstención dos votantes da esquerda. Úsanse prácticas tan agresivas que chegan ao delito. Nada que non pasase no século XX cando esquerda e dereita se disputaban o voto dos anarquistas: uns para que votasen por eles, outros para que non votasen por ninguén. Só cambiou o soporte, de cartas e carteis a redes e televisión. Polo menos xa non lles rouban as actas de escrutinio aos carteiros.

Modernamente, neste país enterrámonos en terra como os xudeus pero -podendo- con cadaleito; despois, para asemellar aos fidalgos e prelados que se enterraban nas igrexas, pasamos aos panteóns e aos nichos fuxindo do chan, que era cousa de pobres. Co diñeiro da emigración americana os novos ricos competiron cos vellos poderosos en como pasar á posteridade na aldea, á vez que se producía unha loita épica de liberais e republicanos contra a Igrexa para dominar a xestión dos cemiterios. Lograron algúns éxitos. A matanza e a guerra dirimiron calquera disputa pública ata hoxe e na ditadura non houbo enterro sen crego. A nova tradición imposta perviveu. O éxito da incineración nas últimas décadas como escolla para despedirse pouco ten que ver coas prácticas dos tempos célticos e máis cunha forma sutil de liberación do enterro cristián. Nin por iso logramos aínda readaptar os cemiterios, seguimos construíndo camposantos de cadaleitos en troques de campos de furnas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
15 votos
Tags
PNV
Comentarios

O voto dos defuntos e o dos anarquistas