Un nobel amigo de Galicia

Jorge Mira Pérez
jorge mira EL MIRADOR DE LA CIENCIA

OPINIÓN

04 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O 9 de outubro anunciouse a concesión do Premio Nobel de Química 2019 a John B. Goodenough, norteamericano de orixe alemá, que se converte aos seus 97 anos na persoa de maior idade en recibir dito galardón. Un recoñecemento máis que merecido, xa que foi un dos inventores das baterías recargables de ión litio, presentes na meirande parte dos aparellos electrónicos portátiles que nos rodean. Un descubrimento que cambiou a maneira de funcionar do mundo, abofé.

 O profesor Goodenough ten unha boa relación con Galicia: unha decena de investigadores galegos (das áreas de electromagnetismo e química-física da Universidade de Santiago e de química inorgánica da Universidade da Coruña) temos traballos científicos publicados con el. Dous deles foron ademais discípulos seus. Hai tres anos, concedíaselle o Nobel de Química a Ben Feringa, que tamén ten obra común con investigadores galegos e discípulos aquí. E non son os únicos casos; únense a outros que foron vindo nos últimos anos. Estas anécdotas non pretenden ser ningunha análise estatística, senón un símbolo que revela que a ciencia galega xa leva un tempo circulando polos circuítos de máis nivel da ciencia mundial sen ningún tipo de complexo. Unha situación que non era frecuente hai só 30 anos (xa non digamos no momento da Transición), así que o salto da ciencia galega neste período é moi notable. A ciencia require planificacións a longo prazo, polo que cómpre recoñecer o rol da xeración que, nos anos 80 e 90, puxo as bases nas que habitamos os científicos de hoxe.