Rosalía e a manada de Manresa

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

02 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A rapidez coa que consumimos todo, tamén información, fai que este segundo caso de violación, o coñecido mediáticamente como «La Manada de Manresa», e que hai uns días se xulgou en Barcelona, pase case desapercibido en comparación co anterior. En realidade, deberiamos darlle moita máis importancia pois xa é o segundo caso. Pero xa se sabe, afacémonos a todo. Lembran a Aylan? Moitos de vostedes, agora, estarán pregando o cello, porque non, xa non se lembran. Eu tampouco lembraba o nome. Tiven que ir a Google e poñer «neno afogado boca abaixo» para que saíse o nome e podérllelo escribir aquí. Pois iso: impresionámonos porque afoga un neno tentando chegar ao noso país. Pero logo, pasado un tempo, saen máis fotos de nenos afogados e un xa está afeito e pode seguir ceando que non pasa nada, sen que a nosa conciencia se altere. Podemos buscar o mando a distancia e cambiar de canle.

Con esta nova sentenza sobre a violación dunha nena de 14 anos por parte de seis homes que se foron turnando para facelo, pero que, segundo os xuíces, non a agrediron sexualmente porque estaba ebria e polo tanto, non tiveron que usar «nin violencia nin intimidación», pásanos igual. Xa non nos altera tanto. Aínda que debería. Porque non consideran, os xuíces, que tiveran que usar a forza, e polo tanto que non é unha agresión senón un abuso, polo que a pena é menor. A Fiscalía, por certo, pedía que se cualificase o acto como agresión. Os xuíces non o viron así. Malia todo -e eu xa non entendo nada- a sentenza recoñece que a vítima estaba en situación de «desamparo» (pois estaba inconsciente) e que a violación foi «extremadamente intensa e especialmente denigrante».

O texto da sentenza volve sobre o de sempre: como está borracha, «non sabía nin o que facía nin o que non facía» e polo tanto o uso da violencia non foi tanto. O feito de estar rodeada por seis adultos nunha fábrica abandonada non conta.

Rosalía de Castro desconfiaba dos xuíces nun famoso poema no que pedía «a xustiza pola man». Nós, xente civilizada do século XXI, non imos pedir tal cousa, pero si que imos proclamar a nosa desconfianza diante dunha xustiza que non considera un acto de brutalidade violenta (agresión) o que fixeron con esa nena.

Ao final, o criterio da xustiza segue sendo patriarcal, paternalista e medieval: a vítima ten que pelexar, loitar con dentes e unllas, deixarse, quizais, matar, antes de deixar que se lle «mancille a honra». Esa que Rosalía dicía que as mulleres lle roubaba, entre outras, unha xustiza ditada, escrita e mantida, dende sempre, por homes.