Quen saca a Franco non é Sánchez, é a democracia

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

Pool

26 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

España é tan democrática, tan democrática, que permite que un grupo de neonazis e vellos (no sentido literal do termo) franquistas se manifesten o día da exhumación mentres berran que en España non hai democracia e que todo é violencia de Estado. Incluso berraban «¡prensa española, manipuladora!», que é, por certo, o cántico dos independentistas cataláns. Non foron nada orixinais na escolla da rima algareira. Só lles faltou berrar «¡Sí se puede!».

España é tan democrática, tan democrática, que pasa pola televisión durante cinco horas imaxes dunha familia multimillonaria (herdanza do avó Paco) que se pasea con símbolos preconstitucionais mentres lle sacan ao antepasado da tomba de luxo e agarran os micrófonos para insultar ao Estado e cargar contra un presidente polo que se está facendo, como se non fose un mandato do Parlamento, por unanimidade, por certo. Pero eles poden manifestar alí, como puidemos ver nun vídeo, que «España agora si que é unha ditadura».

España é tan democrática, tan democrática, que permite que se xunten (sen que ninguén os disolva a piñas, como en Barcelona, por poñer unha cidade calquera) neonazis violentos que agreden a unha xornalista, ameazan de morte ao presidente e dan vivas a un xenocida sen que lles pase nada, e poidan logo irse ao bar a fachendear de testosterona. En Alemaña estarían xa pasando a noite a cuberto nun calabozo. Ben, en realidade en Alemaña non se enterrou a un ditador con honras de Estado nin se fixo aos familiares duques, condes ou marqueses.

España é tan democrática, tan democrática, que non prohibe que un golpista como Tejero (ese si que tentou un golpe de Estado, convén non esquecelo neste intre no que se lle chama «golpista» a calquera) pasee por alí o día a exhumación mentres é vitoreado e case, tal toureiro, sacado a ombros logo de ter feito o que fixo (case nada: secuestrar un parlamento, participar nunha intentona golpista violenta no que había listas de xente a fusilar de inmediato…).

España é, en definitiva, tan democrática, que 80 anos logo de rematar a Guerra Civil (algún día os historiadores terán que deixar de chamarlle así, porque non eran dous bandos, era un bando sublevado atacando unha democracia legal) permite ao líder de VOX chamarlle «profanador, carroñero» ao presidente, por executar un mandato do Parlamento, sen que lle pase nada.

Agora só toca que, para ser de todo unha democracia, se anule a sentencia de Bóveda, se dote de fondos á Lei de Memoria Histórica, se saque á xente das cunetas…