Os incendios e os militares da UME


A presenza de militares en tarefas cotiás é estraña en democracias avanzadas como as europeas, polo que a presenza de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME) atendendo continxencias como os incendios forestais en Galicia merece algunha reflexión.

Esta unidade foi creada no 2005 para atender emerxencias graves. Algo rechamante, pois existían bombeiros, Protección Civil, brigadas forestais... e a experiencia aconsella sempre reforzar a capacidade dos equipos existentes. Mais non, creouse un corpo novo, integrado ademais nas Forzas Armadas, algo insólito por vir dun partido político que na Transición falaba de desmilitarizar a Garda Civil.

A UME conta con 3.500 efectivos e cinco bases operativas, unha delas en San Andrés del Rabanedo (León), de onde saen os que se desprazan a Galicia. É certo que a UME conta cunha popularidade evidente, pola súa capacidade en medios e a propaganda nos medios, con cerimonias tralas súas actuacións. Calquera alcalde reclama enseguida a súa presenza. A razón é sinxela: a UME é gratis, e por tanto moito máis barato que gastar recursos do Concello ou da Xunta en prazas fixas de profesionais. A proba do nove é a loita contra incendios forestais, con brigadas autonómicas que se manteñen en mínimos no inverno e só se activan no verán. Pero, ademais, se a UME actúa en situacións extraordinarias, podemos cualificar así aos incendios forestais en Galicia?

Hai escasísimos exemplos na nosa contorna europea de corpos similares, como as Unidades da Seguridade Civil francesas, formadas por só 1.500 militares, pois en Francia a resposta ás emerxencias está a cargo de equipos de bombeiros e outros corpos civís ben dotados e preparados.

En España a existencia da UME, ademais do seu alto custo -uns 150 millóns de euros ao ano-, presenta varios inconvenientes: a) non fai prevención, co que a súa utilidade coxea en facetas prioritarias como a vixilancia e limpeza dos montes; b) os seus membros viven en cuarteis que temos que sufragar todo o ano, mentres bombeiros, brigadistas forestais e membros de Protección Civil viven nas súas casas, á custa do seu soldo; e c) a súa formación militar semella un desperdicio: que utilidade ten saber desfilar, manexar o fusil HK G-36...? Capacita para apagar mellor os lumes?

Se o Goberno central considera necesario un corpo para apoiar as capacidades autonómicas debe facelo, pero no ámbito civil e traballando os 12 meses do ano; dispoñer de reforzos en León, a case 400 quilómetros e un mínimo de seis horas de viaxe a calquera punto de Galicia, non resolve nada.

Algo así considera o Parlamento de Galicia, que o pasado 23 de setembro propoñía crear «brigadas de elite» -civís, por suposto!- nas catro provincias galegas. Faranlle caso?

Por Xosé María Torres Farmacéutico e membro de Farmamundi

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Os incendios e os militares da UME