Contra a depresión


Non sei que dirá Luis Ferrer i Balsebre, psiquiatra de profesión, compañeiro nestas páxinas, pero as estatísticas advirten que a depresión, ese pozo negro que se alimenta da nosa enerxía vital, é nestes momentos a principal causa de discapacidade dos seres humanos en todo o mundo. Arredor de 300 millóns de persoas afectadas, 2,4 millóns en España, segundo a Organización Mundial da Saúde, e o que é máis sintomático: cun crecemento acelerado, case que un 18,5 % de aumento de dez anos para acó. O aumento é especialmente significativo nas sociedades máis desenvolvidas, sometidas a procesos de ansiedade e estrés competitivo.

 

Depresión individual, que se manifesta na perda de enerxía vital das persoas, e depresión social. Deste segundo punto fálase bastante menos. Nos contos de Asterix o ceo sempre está a piques de caer enriba das cabeciñas dos habitantes da aldea gala. Será polo clima, pola falta de horas de luz, non sei, que condiciona o carácter dos seus habitantes, tan parecidos a nós, os galegos. Se lle preguntas a un catalán, por exemplo, como van as cousas, case sempre responde: «molt bé. Seguimos abrindo negocios no mundo, cada ano novas cifras de crecemento, novos mercados, novas expectativas». Son os países que miran para o sol nacente e acordan cada mañá acelerados coas cotizacións de bolsa (Nova Iorque, Londres, os tigres asiáticos). Se lle preguntas a un galego (a un portugués, a un bretón), a resposta é case que sempre a contraria: «Uf, isto xa non é o que era, estamos abandonados do mundo, aquí non hai nada que facer…». Logo, miras as contas particulares de uns e de outros e verás que non é así, pero a mentalidade, o ADN profundo, tende á depresión. O ceo sempre está a piques de caer enriba das nosas cabezas.

 

A aldea de Asterix ten o recurso da apócema máxica. ¿U-la nosa apócema marabillosa? Empezar a mudar o discurso, traballar a autoestima (con razóns obxectivas enriba da mesa) e repasar as cifras doutra maneira. Como era a nosa sociedade hai sesenta anos, por exemplo, cando eu era un cativo? Que nivel de democracia? Que nivel de confortabilidade? Que produción cultural, económica, empresarial ou científica tiñamos? Como vivían as nosas familias? Mesmo a consideración e uso social da nosa lingua. Que horizonte tiñan as mulleres? Sempre haberá quen olle a botella baleira. O que propoño nesta marea é que empecemos a vela a medio encher, na procura de seguila enchendo. A vella frase do poeta Eliot é certa: «Ao ser humano perténcelle o intento». O intento de transformar a realidade e non abaixarse, aínda que os tempos veñan atravesados e cada vez que poñemos as noticias parece que efectivamente o ceo vén enriba de todos nós. Contra a depresión? Pulo, autoestima, espírito crítico, información, coñecemento, e pedir responsabilidades aos que venden fume e, cando veñen duras, miran para outro lado.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

Contra a depresión