Hipocrisía futbolística

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

18 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Leo a señores escandalizados porque xogadoras como a nosa Vero Boquete se pronunciasen en contra de que a Supercopa de fútbol se xogue en Arabia Saudita, país coñecido por tres cousas: a produción petrolífera, a escravización de traballadores asiáticos e a discriminación violenta das mulleres. Sabemos, efectivamente, que todo iso non é nada comparado cos cartos que poden poñer sobre a mesa estes países, amigos tradicionais da Coroa española. Alí tanto empresarios como Goberno de España teñen negocios, e para iso tampouco importa gran cousa a violación sistemática dos dereitos humanos. Por que poñerse exquisitos cun par de partidos de fútbol? Falábase de 30 millóns de euros por que catro equipos españois xoguen a 40 graos en pleno deserto unha competición que nin sequera é internacional.

Boquete puxo o dedo na ferida ao empregar a linguaxe propia da violencia machista: ir xogar alí onde as mulleres non poden entrar nos estadios é «premiar o agresor», dixo. Pero para a Federación todo vale, e a mensaxe vai destinada aos millóns de seareiros dun deporte en que a rapazada convive coa contradición entre aprender democracia na escola mentres os seus ídolos xogan onde o Ministerio de Exteriores non recomenda facer turismo, aínda que os ministros compartan mesa e mantel con xenocidas.

Xóguese ou non se xogue a Supercopa, xa perdemos, lembren: Qatar foi varios anos patrocinador do Barça (expirara o contrato anterior con Unicef, claro), país onde vai ter lugar a vindeira Copa do Mundo de Fútbol a pesar de que os propios organizadores recomendan ás federacións locais non ir a lugares que non respectan os dereitos humanos. Hipocrisía por todas partes.