As Pontes, a fume das contradicións

fermín paz lamigueiro TRIBUNA

OPINIÓN

ANGEL MANSO

14 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

De momento parece que hai un acordo tácito (entre os Gobernos do Estado e da Xunta) para sancionar o procedemento utilizado pola dirección de Enel ao anunciar o cesamento de actividade na central térmica das Pontes. A empresa limítase a dicir que, de momento, aínda non o solicitou formalmente. A ministra do ramo fala agora de compromiso coas persoas e que foi sorprendida pola decisión. Fume!!!

Agora, coa probatoria da mestura de combustíbeis, as contradicións que foron aflorando no facer e dicir dos diferentes representantes gobernamentais poden quedar agochadas. Fume!!!

Cando se apela á privatización de Endesa como causalidade do que está pasando, as dúas forzas políticas con responsabilidades políticas no Goberno español deben calar e non culpabilizárense mutuamente. Tanto o PP como o PSOE fomentárono e permitírono. Non merece a pena debater sobre iso, porque é facilmente comprobábel. Máis fume!!!

Non vou insistir na miña hipótese dunha certa trucaxe que se esconde detrás da decisión do anuncio do peche. Quizais, a campaña electoral sexa unha fumeira de gases adormecentes para a mobilización e non sexa o mellor contexto para unha dinámica construtiva, mais o campo de xogo e o calendario estableceunos a empresa coa súa decisión. O 10 de novembro pronto chega e xa miraremos a distancia entre os ditos e os feitos.

Todo depende do cristal con que analicemos o que vai ocorrendo, pero coincidiremos en que unha transición xusta non é unha solicitude de aprazamento da decisión até que pasen as eleccións. O matemático, filósofo e non sei cantos choios mais Blaise Pascal dicía que «nin a contradición é indicio de falsidade nin a falta de contradición é indicio de verdade». Eu conformaríame con que os decididores non nos mentisen nin enganasen.