Edición bilingüe de «Alba de Groria»

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

13 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado 7 de outubro cumpriu cen anos a Euskaltzaindia (Real Academia da Lingua Vasca) e alá estivemos tres académicos galegos, xunto a unha representación do Institut d’Estudis Catalans e da Real Academia Española. A RAG celebrou o seu centenario no ano 2006. O Institut d’Estudis Catalans foi fundado en 1907 por Enric Prat de la Riva. A Real Academia Española é de 1713. Nun acto solemne, recibidos os académicos e invitados na Deputación Foral de Gipuzkoa, a Euskaltzaindia clausurou varios meses de traballos, nos que tamén participamos dende Galicia, sobre a elaboración da lingua estándar, problemas de léxico e dialectoloxía, prácticas de comunicación social, etcétera. 

O presidente, Andrés Urrutia, resumiu os obxectivos da institución en catro puntos que me atrevo a asumir como propios dende a nosa realidade galega: dixitalización (incorporación das novas tecnoloxías á xestión académica e á práctica social), internacionalización (proxección exterior do idioma, no seu caso aproveitando as comunidades vascas no exterior), profesionalización do traballo e formación permanente de equipos técnicos, e socialización (na procura de espazos que incorporen as novas xeracións ao uso do idioma e, asemade, estreiten as pontes xeracionais de transmisión lingüística).

Mais semella nestes casos de obrigada cortesía agasallar aos protagonistas con algún galano que deixe memoria do afecto dos convidados. Así quixemos facelo, e con tal fin presentamos un documento certamente singular e moi pouco coñecido: a edición bilingüe (galego-éuscaro) do discurso Alba de Groria, que en 1951, un ano despois do falecemento de Castelao en Buenos Aires, prepararon os exiliados vascos na capital arxentina. Na Fundación Penzol, ese cofre dos tesouros do galeguismo contemporáneo, custodian o documento, que nalgún momento chegou a mans de Francisco Fernández del Riego, daquela director da institución, a través dalgún intermediario que non acertamos a identificar. Tampouco os amigos vascos, admirados do agasallo, souberon dar noticia da orixe do documento, que asina unha asociación, Euskalzaleak, e seica patrocinan industriais do exilio. Entre eles, Severiano Gorriarán, Boinas Euzkadi, tal como se indica no colofón, e mais o pseudónimo Torkatiko, que, segundo puidemos saber, pertence a Antonio de Arza Llona, un dos máis activos promotores do éuscaro entre exiliados e emigrantes do continente americano, principalmente na Arxentina.

Na dedicatoria, os editores escriben (en galego e en éuscaro): «Ao presidente do Consello de Galiza, Alfonso R. Castelao, que sigue vivindo entre nós, pol-o seu patriótico amore ao idioma do seu pobo, vibrante no seu derradeiro discurso e primeiro da súa eternidade, dito no día de Galiza, e como adhesión á colectividade galega n-iste seu día máisimo».