De Galicia a Portugal con serenidade

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

X. Estévez

12 oct 2019 . Actualizado a las 13:39 h.

As novas infraestruturas para achegarse á Galicia cantábrica permiten observar, despois da crise inmobiliaria, unha concertación máis serena da paisaxe coas novas edificacións. Algún efecto positivo trouxo: abriu un tempo para pensar. Aquilo do feísmo, na dimensión antropolóxica que me interesaba especialmente, lévanos a cuestionar de forma reiterada o porqué do deterioro que se deu nas vilas galegas e non, en cambio, nas de Portugal e Asturias. A prolífica lexislación e normativa dos últimos tempos pode valer para preparar o futuro territorial de Galicia ante a nova paixón inmobiliaria que parece que asoma, sempre e cando, e isto é o fundamental, os xestores e os veciños estean convencidos delas.

En Foz inauguramos un monólito ao borde do mar, na senda da Rapadoira onde adoitaba pasear Ceferino Díaz, un socialista eficaz a quen tanto debe a autonomía de Galicia. O recendo do mar, o brillo das rompentes e a xeometría infinita das ondas aportáronnos doses de serenidade aos alí presentes.

Máis tarde percorremos o adarve da muralla de Lugo, onde seguen presentes as estadas das obras de rehabilitación do sector deteriorado da cidade histórica. A nova Lei de Rehabilitación no seu articulado máis comprometido, o que é de aplicación directa aos bens obxecto de especial protección, debe ser levada á práctica con moita prudencia, non vaia ser que as pautas de intervención nos tecidos históricos, recoñecidas mundialmente nalgúns casos e que propiciaron unha boa formación especializada de xoves arquitectos, poidan terminar desvirtuadas.

Cada vez que vou a Lugo ou a Ferrol reafírmome en que necesitan un esforzo inversor autonómico e fortalecer especialmente os vínculos con Santiago e A Coruña, sedes principais das respectivas universidades. Levar á práctica aquilo da univercidade.

Uns días despois, no Porto, nunha xornada de reflexión electoral con pouca cartelaría e nun ambiente urbano tranquilo pese ás miríades de estranxeiros, prognosticábase o éxito dunha esquerda ponderada e sensata, cun presidente da nación que actúa como gonzo eficaz entre as formacións políticas e un sistema educativo que xogou e segue a xogar un papel excepcional. Na Fundación Serralves, moi concorrida de visitantes locais e foráneos, desfrutamos coa profesora Sobrino de dúas pezas que reflicten maxistralmente as dimensións múltiples do espazo interior e exterior: a instalación de Eliasson no museo e o espello do ceo de Kapoor no parque.

Sa envexa, porque sentimos que en Compostela, a catorce meses do inicio do Ano Santo, as estruturas culturais do 93, polas que tanto loitamos, están sumidas nunha especie de somnolencia. A cidade histórica que as alberga, chea de turistas, podería perder o tren da renovación. Non lle vexo outra solución que a cooperación intensa, en orzamentos e programa, coa Cidade da Cultura, senón esta pode fagocitar aquela.