O suicidio e a necesidade de rachar co silencio


Coma cada 10 de outubro, hoxe conmemórase o Día Mundial da Saúde Mental. Para moitos pasará desapercibido, pero a outros ofrécenos a oportunidade de poñer sobre a mesa cuestións que nos preocupan e que queremos trasladar ao debate social. Este ano o foco está sobre un tema tan sensible como relevante: o suicidio.

En Galicia, só entre o 2007 e o 2017 morreron por esta causa 3.600 persoas. Por tanto, falar de suicidio é falar dunha inmensa dor que sofren moitas persoas que nos rodean. Neste senso, quero que as miñas achegas ao respecto sexan en positivo.

Comecemos polo principio: hai que rachar co silencio que rodea ao suicidio. Acabar cos prexuízos e eliminar a incomprensión. Isto non é conveniente, senón necesario, porque dificulta que moitas persoas pidan axuda e, por tanto, se poida traballar na prevención.

Hai que entender que os intentos de suicidio débense a un sentimento de inmensa angustia e desesperación, e en ningún caso debemos consideralos «chamadas de atención». Non prexulguemos: quen se suicida non é valente nin covarde, só unha persoa cun altísimo grao de sufrimento.

E o máis importante de todo: o suicidio si se poder previr. Pero para iso teñen que existir recursos adecuados e deben implicarse moitos sectores, entre eles o educativo. Cómpre dicir que Galicia conta cun Plan de Prevención do Suicidio; é o momento de pasalo do papel á realidade.

Dende Saúde Mental FEAFES Galicia, entidade que eu presido, reivindicamos a posta en marcha de servizos de axuda áxiles, coa necesaria continuidade no tempo e adaptados a cada situación concreta, tanto para as persoas sobreviventes como para as familias que precisan pasar o dó tras unha perda.

Os medios de comunicación tamén son valiosos aliados pola súa capacidade para concienciar á poboación: hai que falar do suicidio e facelo de xeito responsable, pois unha información adecuada pode contribuír á prevención.

Teñamos claro que o suicidio non é un problema dunha parte da sociedade, é un problema da sociedade no seu conxunto. E así, coa colaboración de todos e todas e entre todos e todas, poderemos iniciar un camiño de superación.

Para rematar, quero pedirlles a todos vostedes que, ante calquera dúbida, busquen axuda de xeito inmediato. Na nosa comunidade existen redes, tanto sanitarias como non sanitarias, con bos profesionais que os van axudar. Ninguén debería estar só ante o suicidio.

Por Xosé Ramón Girón Presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

O suicidio e a necesidade de rachar co silencio