A obesidade infantil española colócase nos índices máis altos da UE. Lonxe fican as épocas en que a gordura se asociaba á boa saúde e á beleza, mesmo á opulencia e, como mínimo, á idea de seres pan bendito se pasabas de peso. Quen nos ía dicir daquela que hoxe se ocultaría nas revistas e só se sinalaría como síntoma de imperfección e falta de saúde. Todos sabemos que o pouco exercicio físico e un consumo compulsivo de comida lixo e bebidas azucradas están detrás destes datos, así como a pobreza que evita que se poida ter acceso a alimentos de calidade. Pero tamén é certo que a clasificación da gordura faina unha sociedade que pon uns estándares altos sen mellorar a educación ao respecto, nin aplicar impostos aos alimentos pouco saudables nin outorgar subvencións aos que si o son, como as froitas ou as verduras. Detrás de cada gordo hai unha persoa coa súa casuística xenética, psicolóxica ou larpeira. Pero non hai que esquecer que a gordura pode ser unha escolla persoal porque hai estudos que falan de que as persoas con lixeiro sobrepeso seica viven máis que as delgadas. Lembro a loita de miña sogra cos quilos antes de chegar á conclusión de que todo se reducía a cara ou cu. Non se podían ter as dúas cousas. Talvez o máis perigoso para a gordura infantil sexa a presión social, o acoso no colexio, a discriminación e os modelos de beleza establecidos que levan á ansiedade e ao illamento. Sei do que falo porque fun un neno gordo que pesou máis de cinco quilos ao nacer e atravesou a primeira infancia rozando as pernas, devorando chourizos e recibindo algún que outro insulto dos compañeiros ata que o meu problema se solucionou cando me internaron nun colexio e dei en probar o peixe e a froita, así coma a fame e todos os deportes do mundo. Santo remedio.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
28 votos
Comentarios

Gorduras