Franco e a memoria histórica da dereita española

OPINIÓN

Ricardo Rubio - Europa Press

08 oct 2019 . Actualizado a las 09:52 h.

Unha parte da dereita española ten como propia a memoria da ditadura. Iso explica as fábulas destes días. Pero hai máis memorias, e, sen ir máis lonxe, o PP de Galicia afástase a conciencia nas súas declaracións do que lle escoitamos a Ayuso e demais fabuladoras. Todo comezou hai 18 anos, cando se abriron con luz e cámaras as primeiras foxas, recuperando restos de autoridades asasinadas polos golpistas. Remexendo os osarios do pasado, remexeuse o remol da fogueira. En realidade comezou hai 30, cando unha nova xeración sen complexos se fixo cargo do PP. Non tiveran poder antes de 1978 e a onda da revolución conservadora e a caída do muro traíalles vento nas costas e razón histórica. Nada tiñan que facerse perdoar. Nin penas de morte que agochar como a segunda xeración do franquismo, nin se viran obrigados como a terceira a enterrar dun día para outro o Movimiento, o partido no que se criaran, para pasar á historia como UCD. Da primeira xeración apenas quedaba Garicano Goñi, quen, en declaracións que recollía La Voz de Galicia a poucos meses da morte de Franco, deixa claro que unha democracia á europea era o futuro inevitable.

Ata hai uns anos na dereita española ninguén se identificaba publicamente co franquismo. Agora asistimos asombrados ao espectáculo dunha dereita secuestrada pola memoria franquista. Que pasou? A nova xeración da dereita esqueceuse da memoria propia e a esquerda da memoria colectiva, así que a opción de afrontar as verdades incómodas do pasado saltou polos aires coa ignorancia do pasado (que non esquezo), das seguintes xeracións. A dereita española nunca buscou referentes. A galega, dende Rosón, Fraga e Meilán, buscounos desesperadamente no galeguismo, e a catalá e a vasca teñen historia democrática e de exilio e oposición para regalar. Pero nin Gil Robles, nin Portela Valladares, nin Madariaga e os do Contubernio de Múnic foron aceptables para a dereita española porque todos foron traidores na memoria que herdaron, así que, orfa de referentes, ao final quedou co cadáver de Franco, os argumentos do franquismo final e moita ignorancia. A memoria do pasado que lega o franquismo é a memoria dos verdugos, non pode ser outra. A memoria pode moito porque é familiar e emocional, refórzase coa ficción literaria do pasado, baseada nun forte metarrelato político franquista-antifranquista de NODO-Pirenaica e ocupa o lugar da historia. O lugar dunha memoria pública histórica da democracia, que obviaron a dereita e a esquerda para evitarse problemas dende a Transición, foi ocupado por mitoloxías diversas.

Os golpistas verdugos quixeron agochar os seus crimes coa tinta da lura na guerra, no Exército e finalmente na dereita toda. Na guerra morren soldados, pero no golpe asasinaron a quen tiña poder -xa antes de haber fronte e lonxe da fronte- e a guerra total fíxose contra poboacións desarmadas. Niso os golpistas españois foron precoces. Agocharse no Exército tivo éxito, porque o acto de asasinar aos seus superiores para facer triunfar o golpe esixía un pacto de sangue con borrado da memoria incluído. A dereita española no 36 non era golpista, e moito menos fascista. Esa falta de apoios explica a matanza desatada polos sublevados, a didáctica do terror. Durante tres anos de guerra e corenta máis corenta os golpistas e verdugos traballaron a memoria a conciencia. Por iso aínda estamos a discutir se podemos retirar os restos do ditador do campo de concentración usado para construír o seu mausoleo.