Isabel Díaz Ayuso, incendiaria


Que hordas esquerdistas desaforadas se poñan a queimar igrexas en España é hoxe tan improbable como que a min me saia pelo. De feito, creo que é máis probable que a min me saia pelo grazas á ciencia. Pero que o panorama que Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid, pinta teño algo que ver coa realidade, resulta, insisto, dabondo improbable. Sen embargo, o que si sucedeu, é que nun cine de Valencia (sempre Valencia como reduto ultra, onde sacaron os tanques a pasear no 81, etcétera), unha manda da ultradereita obrigou a parar a proxección da película de Alejandro Amenábar, Mientras dure la guerra, a berros de «Viva Cristo Rey» e «Arriba España». O filme, como sabemos, recrea o episodio no que Unamuno lle cantou as corenta ao fundador da Lexión, Millán Astray. O do cine si pasou. En Valencia, onde hai un par de anos -casualmente eu estaba na cidade por traballo- presenciei un multitudinario acto de «desagravio á Virxe María» por un asunto dun cartel de entroido, e as bandeiras co xugo e as frechas e os brazos en alto cara al sol eran centos.

Hai un mantra que se leva repetindo dende 1936 e que é, no básico, falso. Os profesores Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho coordinaron o libro Golpistas e verdugos de 1936. Historia de un pasado incómodo (Galaxia). Aí explícase moi ben como os sublevados construíron un relato (por usar a palabra de moda) para xustificar xa non só o golpe de Estado senón, sobre todo, a brutalidade da represión que veu despois. Tal e como contaron a historia (que escriben sempre os vencedores) semellaba que Franco viña «poñer orde» e que ao exército non lle quedou outra máis que tomar as rendas para «salvar España» dos que, precisamente, queimaban igrexas e violaban monxas.

Queimáronse igrexas? Claro. Negalo sería idiota. Pero relacionar a exhumación dun ditador responsable dun réxime asasino (a queima de igrexas comparado coas atrocidades cometidas polo réxime fascista durante 40 anos non foi nada) co desexo de parte da poboación de volver queimar igrexas e reproducir o escenario previo ao 36, ademais de pintar un escenario altamente improbable, é propiciar un caldo de cultivo favorable á bronca, ao improperio e ao disparate. E dunha líder política debería esperarse, cando menos, unha certa prudencia no manexo de datos históricos tan sensibles, delicados e problemáticos.

A non ser, claro, que a incendiaria sexa, precisamente, a señora Ayuso.

Por Francisco Castro Escritor e director xeral de Editorial Galaxia

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos
Comentarios

Isabel Díaz Ayuso, incendiaria