Bernardino Graña e Franco

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

08 oct 2019 . Actualizado a las 12:04 h.

Odía 27 de setembro cumpriu 87 anos o escritor Bernardino Graña Villar (Cangas do Morrazo), data na que un grupo de amigos lle tributamos unha cálida homenaxe en Vigo. Os disertantes, de xeracións literarias moi distintas (Víctor F. Freixanes, Ramón Nicolás, Malores Villanueva) fixeron incursións atinadas e emotivas nos capítulos máis relevantes da biografía literaria do homenaxeado (poesía, teatro, narrativa infantil) e non esqueceron as achegas feitas no xénero do conto da tradición oral e no vocabulario das terras do Morrazo e do Ribeiro, terras moi vencelladas á súa nenez e á súa adolescencia.

Nesa homenaxe, a editorial Galaxia presentou un volume do autor co título Lobísimo do saco. Tres titiritadas, tres peciñas teatrais (en verso e prosa), dúas das cales xa foran publicadas con moita anterioridade (Sinfarainín contra don Perfeuto, 1975, e Os burros que comen ouro, 1992). No epílogo do volume, o profesor Ramón Nicolás fai unha axeitada análise «da singularidade destas pezas», nomeadamente de Sinfarainín, un mosquito, tamén chamado «cínfano» (como na comarca de Cangas), empeñado, con outros personaxes, en destruír a Don Perfeuto, un reloxo espertador feito en Suíza que condiciona e amarga, co seu funcionamento, a vida do neno «delgaducho Pacucho Caichovento». O reloxo será escangallado coa axuda moi eficaz dun can pequinés «comunista e rabudo». Esta peciña, escrita en 1974, foi representada nalgúns centros escolares moi pouco despois da morte de Franco (20-11-1975), pero non nos consta que o reloxo definise con claridade a condición tirana daquel temible xefe do Estado. O propio autor confesou en certa ocasión que a peza é pouco explícita na denuncia: «…vai veladamente contra Franco e o seu réxime…».

Explícita como moi poucas é a denuncia que Bernardino Graña fixo no poema Gran luz en novembro (Na morte do xeneral Franco), escrito, tal como precisa o autor nun paratexto, na «Rúa do Home Santo (Santiago)», no «Amencer do 21 de novembro de 1975». Neste poema, o escritor -o cidadán- trousa toda a carraxe e o noxo acumulados durante corenta anos, o mesmo que fixo esa mesma noite, en castelán e noutro estilo, Evaristo de Sela, que titulou a execratio Responso indignado (Coplas de maldecir ante el cadáver de Franco). Cando Laura Pérez Landeira recita calquera destes dous epitafios tan alporizados, aínda hoxe renxen as táboas do faraónico féretro!