O vicio das porras

OPINIÓN

02 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Mentiría se non me apuntase a esa tese case xeneralizada de que xa estamos aburridos do asunto político. Pero tamén teño que recoñecer que hai algo en min que non rexeita este feito sucesivo de ir votar para conformarmos de vez un goberno. Non hai semana en que non saia unha nova enquisa e introduza na conversa dos amigos as apostas para ver quen vai gañar e como ficarán as forzas do hemiciclo. Cunha ilusión nena, erguemos as nosas porras coma unha clase de vicio e xogamos a ser grandes analistas políticos. Estes vaticinios non se afastan moito desas quinielas de grupo de traballo onde sempre hai algún entendido que estuda polo miúdo as características dos equipos e sabe se os árbitros son caseiros, se a chuvia afecta o resultado ou se algún xogador tivo algún problema familiar durante a semana que poida implicar un baixo rendemento no campo. Nestas apostas colectivas que, por sorte ou desgraza, adoitan prodigarse nos últimos tempos, a miña intuición cada vez está máis estragada. Non acerto unha. E iso que leo, escoito debates e creo ter certo instinto para ver por onde van os tiros. Pero nada. Non dou pé con bóla. De calquera xeito, como gardo todas as enquisas, unha vez rematadas as eleccións, comprobo os resultados e nunca perdo a esperanza porque vexo que moitos deses analistas políticos erran tanto ou máis ca min e xogan parte do seu prestixio. A min eses desaxustes só me levan un par de cafés. Por iso me atrevo a dicir que, despois do 10-N, Sánchez, Iglesias e Errejón van quedar a un só deputado desa maioría absoluta que poderán completar co BNG, se hai acordo. Aí queda.