A Consellería de Medio Ambiente vén de anunciar medidas para paliar os danos producidos polo xabaril nas colleitas e nas estradas e reducir a súa presenza nas cidades. Desde a Federación Galega de Caza (FGC) cremos que aínda coñecendo as declaracións realizadas pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, é necesario agardar á publicación oficial de ditas iniciativas, que entón se poderán analizar polo miúdo e coñeceremos o seu alcance, efectividade e repercusión tanto para cazadores como para as sociedades de caza.
A situación de emerxencia cinexética afecta exclusivamente a 33 concellos de Galicia, concretamente a 77 dos 454 tecores existentes na nosa comunidade, e as medidas aprobadas teñen un carácter temporal.
A nosa federación sempre mantivo e manterá unha estreita colaboración cos gandeiros e labregos para mitigar, no posible, os danos e perdas económicas nas colleitas e tamén nas estradas galegas. Somos conscientes do incremento, nos derradeiros anos, dos prexuízos agrícolas que se sufriron en ditos concellos e somos sabedores tamén de que a caza é a ferramenta máis efectiva para reducir ditas perdas. Nós apostamos por unha solución a nivel nacional e, ao mesmo tempo, queremos potenciar iniciativas preventivas e poñer en marcha dunha vez por todas o Fondo de Corresponsabilidade previsto na Lei de Caza do 2013. Os cazadores non deben ser os únicos responsables desta situación xa que é un problema social e supracinexético. A FGC acolleu de bo grado determinadas medidas tomadas pola Xunta de Galicia -propostas pola federación no seu día-, como por exemplo a axilización dos trámites administrativos para a solicitude de batidas e agardos e a caza do xabaril en zonas vedadas. Neste contexto ás sociedades de caza deben lembrar que son elas as que teñen a autonomía para empregar estas novas medidas de control do xabaril para incrementar a efectividade e reducir a problemática.