Reseteo

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Alejandro Garcia

01 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Algo vai mal neste mundo. Moi mal.

Uns pais, apenas adolescentes, ocultan o nacemento do seu bebé e desfanse del ao pouco de nacer. Como se pode ter tan pouco aprecio a un fillo? Un bebé indefenso... unha vida que abrolla... O único que precisa é unha oportunidade. Por que lla arrincan dese xeito tan desapiadado?

Hai actitudes que non logro comprender por moito que o intente. Desestabilízanme. Fai que treman os cimentos do que vou construíndo día a día, esboróase a seguridade. Non confío neste mundo.

Para máis sorpresa, aparece o contrapeso. Aseguran que un terzo dos donos de mascotas solicitarían un permiso de paternidade cando estas teñan descendencia. Por pedir... que non sexa. E, con todo o meu respecto aos animais, creo que algo falla aquí tamén. As mascotas son importantísimas. Fan un labor impagable. Pero... non son humanos. Non son os nosos fillos. Non o son. Outra cousa é que algún deles teñan máis humanidade dentro ca moitas persoas. Certo. Non serei eu quen o negue. Pero a realidade é que un can é un animal, e un bebé, un neno.

Creo que é necesario un «reseteo», un centrémonos na vida, no básico. Ter un fillo e tratar de enterralo, tiralo ao río, simular un roubo... é síntoma dun cortocircuíto interno. Creo que necesitamos sosegarnos e reconciliarnos co mundo. E iso implica poñer da nosa parte. Podemos facer un mundo mellor.