Unamuno somos todos

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

jose suarez

24 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Unamuno está de novo na boca de moitos pola película (será un dos acontecementos deste outono) de Alejandro Amenábar, Mientras dure la guerra. Será unha boa oportunidade para nos achegar a un dos escritores máis interesantes que deu nunca a literatura mundial. Coñezo ben a súa filosofía (lina toda) pero prefiro a súa literatura (lina toda, tamén).

Lembro a emoción que sentín hai décadas, a primeira vez que visitei en completa soidade (as mellores viaxes son case sempre as que facemos cun mesmo, buscándonos) á famosa sala do paraninfo salmantino onde Miguel de Unamuno se enfrontou, un tétrico 12 de outubro de 1936 («Día de la Raza» para los fascistas sublevados) a un dos persoeiros máis vergoñentos que deu España na súa historia, como foi Millán Astray (quen, por certo, ata hai dous anos tiña unha estatua na cidade da Coruña na súa honra). Todos sabemos o que pasou: Millán Astray, fundador da Lexión, coleguita de Franco (hai famosas fotos festivas por aí dos dous apertadiños) berra nunha universidade, nun lugar de cultura, nun templo do saber, logo do discurso do reitor Unamuno, aquel espantoso «¡Muera la inteligencia!». Unamuno enfróntase a aquel militar co mítico «Venceréis, pero no convenceréis», sinalándolle a súa barbaridade, e claro, a súa condición de bárbaro. Todo isto entre os berros de estudantes falanxistas que ateigaban o paraninfo e que piden que lle voen a cabeza alí mesmo. Falaban, os golpistas, os antidemócratas, os sublevados contra dunha democracia lexítima (manda truco) de morte á «intelixencia traidora». Como se a intelixencia puidese ser traidora. A intelixencia terá que ver coa verdade e coa luz. Nunca coa morte ou a barbarie que se instaurou durante catro décadas despois.

Unamuno -hai fotos que o documentan- é sacado por patas do paraninfo rodeado de rapazada uniformada fascista brazo en alto. O intelectual pechouse na casa e non saíu máis nunca ata que o sacaron cos pés por diante para o camposanto. Dicía que lle doía «Hespaña» (así, con H) de tanta barbarie como andaba solta.